A xunta de goberno local aprobou esta mañá a convocatoria anual das subvencións que o Concello destina a proxectos de asociacións e entidades sen ánimo de lucro que traballan no terreo de benestar social. Unha convocatoria por concorrencia competitiva, que está dotada con 325.000 euros e pretende darlle apoio ao importantísimo labor que estes colectivos desenvolven na nosa cidade no apoio ás persoas e aos colectivos de maior vulnerabilidade, segundo explicou o concelleiro secretario da xunta Local, Miguel Caride.
As subvencións teñen como finalidade financiar programas, proxectos ou actividades de interese, promoción social e utilidade pública para o Concello no ámbito dos servizos sociais, que promovan as asociacións e entidades sen ánimo de lucro; e fundacións dirixidos prioritariamente a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social.
As bases publicaranse no Boletín Oficial da provincia e ao día seguinte abrirase un prazo dun mes para que as entidades interesadas poidan presentar as súas solicitudes.