“O calendario de axudas aos autónomos vai ben”, concluiu o alcalde, quen avanza que o goberno municipal prevé aprobalo este mes en xunta de goberno local, unha vez que as bases sexan fiscalizadas, e realizar a convocatoria das axudas no propio mes de setembre, para iniciar o seu pagamento de forma progresiva.
As axudas, lembrou o alcalde, chegarán a todos os autónomos que traballan na cidade, non só aos censados no municipio, senón a aqueles censados na provincia que realizan a súa actividade económica e profesional en Ourense.
O Concello de Ourense dispón dun montante de 20 millóns de euros para darlle apoio a este colectivo, fortemente afectado polas consecuencias económicas da pandemia da covid-19. Esta cuantía foi aprobada xa polo Pleno do Concello, a través dunha modificación de crédito.