Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Concello

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu, esta mañá, a entrega do XV Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades, que recaeu nas profesionais dos servizos de axuda no fogar (SAF). O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, deu lectura á Declaración Institucional da Federación Española de Municipios e Provincias polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller 2021 (texto completo, pdf)

De seguido, o concelleiro de Política Social e Igualdade, Telmo Ucha, leu a valoración do xurado, e deu paso ás auxiliares de axuda no fogar Mesalina López Gardós e María José Fernández Iglesias, que recolleron o premio xunto á tamén auxiliar de axuda no fogar Mónica Márquez.

  • Proposta da Concellería de Igualdade para o XV Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades

Vai agora case un ano, a sociedade viuse sumida da noite para a mañá nun estado de shock por mor do coronavirus, que xunto ás devastadoras consecuencias sanitarias e a elevada taxa de mortalidade -sobre todo entre as persoas maiores-, trouxo aparellados uns efectos económicos e sociais demoledores dos que tardaremos tempo en recuperarnos, efectos que, como ocorre sempre, impactan con maior forza e crudeza nos sectores máis vulnerables da poboación e, en particular, sobre as mulleres.

Antepondo os intereses económicos a calquera tipo de interese social, o sistema socioeconómico capitalista só recoñece como valioso o que está incluido na lóxica do mercado, lóxica á que se sustraen os coidados e a reprodución da vida que o patriarcado “naturaliza” e delega nas mulleres de resultas da división sexual do traballo. Así, o mercado laboral está planificado sobre un modelo obsoleto de familia baseado na división “home/proveedor”, dispoñible a xornada completa, e “muller/coidadora”, que cubre as necesidades de coidado de toda a familia o tempo que faga falta, sen dereitos recoñecidos e todos os días do ano. Deste xeito, ambos sistemas -o capitalista e o patriarcal- retroaliméntanse mutuamente: o modelo así montado permite economizar e recortar no gasto social, invisibilizar o traballo reprodutivo da vida, excluir e discriminar as mulleres do ámbito público, minusvalorar o seu traballo cando logran acceder ao mercado laboral, sobrecargándoas con dobles ou triples xornadas e precarizándoas e explotándoas sen miramentos, o que se percibe cunha maior nitidez cando teñen que recorrer á economía sumerxida para subsistir, sen protección social ningunha e cun salario tan raquítico que as perpetúa na pobreza e na dependencia económica.

Porén, se ben é certo que o modelo económico capitalista sostense nos traballos cotidianos que realizan as mulleres no fogar, tamén o é o feito de que actualmente estamos lonxe daquel modelo estereotipado e tradicional de familia no que se baseou a división sexual do traballo. Hai xa bastante tempo que as mulleres incorporámonos masivamente ao mercado laboral; hoxe son outros, e moi diversos, os modelos familiares, cunha notable diminución das familias interxeneracionais e un incremento correlativo das familias monopa/ma/rentais, sobre todo destas últimas; ademais, o descenso da taxa de natalidade e ao incremento da esperanza de vida intensifican aínda máis a crise dos coidados, posto que o aumento da demanda de coidados non vai acompañado por unha oferta proporcional de persoas que podan dispensalos. Dito doutro xeito, o sistema socioeconómico non se plantexou a organización dos coidados para o momento sociolaboral actual e, así, hoxe en día, as mulleres vense na obriga de pasar do traballo remunerado ao dos coidados sen solución de continuidade ou, no mellor dos casos, de transferirllos a outras mulleres. Un filón de emprego demasiado atractivo e rendible como para que o sistema capitalista o pasase polo alto sen respostar a estas necesidades de coidados pola vía da mercantilización.

E deste xeito é como se manteñen intactas as estruturas patriarcais do fogar e do traballo, perpetuando a desigualdade a través da precarización ou explotación laboral das mulleres, globalizando a cadea de coidados co trasvase migratorio desde os países empobrecidos aos máis desenvolvidos, e facendo confluir interseccionalmente outros factores xeradores de desigualdade (clase social, etnia…, por non falar do hábitat de residencia, a exitencia dalgunha discapacidade, etc.), o que se produce en moitas ocasións nas externalizacións de contratos do sector público como sobre todo nos contratos do sector privado e na economía sumerxida.

Pois ben, se algo se puxo especialmente en evidencia durante o confinamento imposto despois da declaración do estado de alarma foi precisamente a crise dos coidados (reflexo da crise global do sistema heteropatriarcal capitalista que só llos garante a quen poda pagalos) e a necesidade urxente de situalos no centro das políticas públicas. Foi entón cando se viron comprometidas moitas dinámicas familiares, laborais e sociais ante a falta de corresponsabilidade masculina nos fogares, a carencia ou escaseza de servizos para conciliar os tempos das familias, a falta de previsión e as nefastas consecuencias, en fin, de invisibilizar a importancia dos coidados e dos traballos da reprodución da vida.
Foi tamén nese momento pandémico cando o conxunto da poboación comezou a tomar conciencia da importancia de moitos traballos tradicionalmente desvalorizados por considerarse actividades femininas, actividades que de súpeto foron declaradas e consideradas como servizos esenciais. Falamos de dependientas, caixeiras, limpadoras, coidadoras nos domicilios ou en institucións de persoas maiores, menores, dependientes e/ou con discapacidade, auxiliares de xeriatría, persoal de enfermaría, dos servizos sociais e de atención a mulleres e menores en situación de violencia de xénero, empregadas do fogar ou no sector primario, etcétera.

Cada un destes colectivos profesionais reúne motivos suficientes para ser recoñecido socialmente polo traballo realizado con independencia da pandemia, razón pola que non resulta nada fácil decantarse por un só deles para propoñer a súa candidatura ao XV Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Decidímonos finalmente por visibilizar e poñer en valor o labor desenvolvido polas profesionais dos servizos de axuda no fogar (SAF), ao entender que a multiplicidade de funcións que realizan reflicten dun xeito singular os traballos de coidados, coidados que constitúen o denominador común das profesións mencionadas e que posibilitan dalgún xeito representalas a todas elas.

A pesar da diversidades de tarefas que desenvolven dentro e fóra dos fogares nos que traballan e da diversidade de situacións persoias ás que teñen que atender (véxase o anexo final a este escrito), arriscando a súa integridade e a das persoas coas quen interactúan (usuarias e familiares e veciñanza das mesmas, persoal dos distintos establecementos e institucións polas que transitan na realización de xestións, compañeiras de traballo, a súas propias familias, etc), seguen a ser un dos sectores profesionais máis precarizados.
Recentemente a Plataforma Unitaria de Auxiliares de Axuda no Fogar denunciou publicamente que, pese a ser profesionais sociosanitarias de atención domiciliaria acreditadas cunha titulación, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións discriminounas ao deixalas excluidas do Real Decreto Ley 3/2021, impedindo así que se lles recoñeza como enfermedad profesional o contaxio por covid-19 durante a pandemia, a diferencia do que acontece co persoal sanitario e sociosanitario e co personal auxiliar das residencias de persoas anciás con idéntica titulación. E tampouco estiveron na lista do persoal prioritario para ser vacinadas, e iso que o Ministerio de Sanidade dispoñía de evidencias máis que suficientes de que o seu era o segundo colectivo máis contaxiado pola covid (16,3%) despois do do persoal sanitario (16,8%).

Por todo o ata aquí exposto desexamos que esta proposta non fique nun xesto baleiro e autocomplacente, senón que sirva de portavoz das súas demandas e reivindicacións laborais: non discriminación respecto a outros sectores sociosanitarios; dotación de equipos e materiais preventivos suficientes para desenvolver o seu traballo coas garantías de hixiene e seguridade recollidas nos protocolos establecidos, evitando poñer en risco as vidas das persoas usuarias, as das compañeiras, as das persoas coas que se relacionan, as das súas familias e as súas propias; condicións laborais dignas para poñer fin á precariedade; aumento dos recursos humanos para evitar situacións de abuso horario e sobrecargas de traballo; prevención (e atención cando proceda) de riscos psicosociais que podan conducir a cadros de queime profesional e outra sintomatoloxía psicoemocional derivada do estrés postraumático que poideron padecer principalmente na primeira vaga da covid; cobertura dos custes derivados dos desprazamentos aos domicilios, e salarios dignos á altura dos servizos prestados, entre outros.

Cando se contrata a prestación dos coidados desde as administración non vale mirar cara outro lado cando existen sospeitas ou se teñe constancia da existencia de prácticas abusivas na súa realización, permitindo o enriquecimento ilícito das grandes empresas a costa da precarización do servizo e a explotación das profesionais. As administracións teñen a obriga de tomar as medidas oportunas para rematar con estas situacións se non queren verse baixo a sospeita de connivencia e a acusación de exercer violencia estructural sobre estas mulleres.

Por último, vai tocando xa desmercantilizar e desfeminizar os coidados, como se ven reivindicando desde hai tempo dende os movementos feministas. Mentres tanto, e a sabendas de que o impacto de xénero continúa sendo ignorado nas medidas adoptadas polos gobernos para respostar á crise da covid-19, debemos seguir reivindicando solucións que prioricen a inversión pública nos sectores da sanidade, a educación, os coidados e o benestar social, para ter uns servizos públicos de calidade e para impedir que sigan a aumentar as desigualdades entre mulleres e homes. Ao fío desta cuestión, nesta edición do Premio Clara Campoamor desde a Concellaría de Igualdade queremos facer tamén unha mención especial ao traballo desenvolvido polas nosas compañeiras de Bienestar Social, porque desde que se declarou o estado de alarma demostraron unha profesionalidade e unha implicación extraordinarias para non deixar desatendidas as necesidades básicas da poboación ourensá, pese a contar con moi pouco persoal e verse sometidas a sobreesforzos continuados para conseguir este obxectivo.

Clasificación dos Indicadores de Transparencia

  PUBLICIDADE ACTIVA E INFORMACIÓN SOBRE A CORPORACIÓN MUNICIPAL:

  PUBLICIDADE ACTIVA SOBRE A PLANIFICACIÓN, ORGANIZACIÓN E PATRIMONIO DO CONCELLO:

  PUBLICIDADE ACTIVA SOBRE OS ÓRGANOS DE GOBERNO MUNICIPAIS, INFORMES E RESOLUCIÓNS XUDICIAIS:

  PÁXINA WEB DO CONCELLO E SERVIZOS MUNICIPAIS:

  PARTICIPACIÓN CIDADÁ E INFORMACIÓN DE INTERESE PARA A CIDADANÍA:

  CONTRATACIÓNS:

  CONVENIOS, ENCOMENDAS DE XESTIÓN E SUBVENCIÓNS:

  SUBMINISTRADORES E CUSTOS DOS SERVIZOS:

  VISIBILIDADE, CANLES E CARACTERÍSTICAS DO ACCESO Á INFORMACIÓN PÚBLICA:

  RECLAMACIÓNS E AVALIACIÓN DO DEREITO DE ACCESO Á INFORMACIÓN PÚBLICA:

  • Indicador 78. Procedemento para presentar reclamacións por denegación total ou parcial no exercicio do dereito de acceso á información.
  • Indicador 79. Informe de que na Web municipal está operativa e claramente visible a entidade municipal responsable ante calquera presentación de reclamacións por denegación total ou parcial no exercicio do dereito de acceso á información.
  • Indicador 80. Información estatística de datos relativos a: Número de solicitudes de acceso á información recibidas; resoltas dentro de prazo, desestimadas, en todo ou en parte; e o resumo temático xeral das solicitudes de acceso á información recibidas.