O Concello de Ourense iniciará este xoves, 12 de marzo, á primeira hora da mañá, traballos de acondicionamento e mellora do firme en tres rúas ao redor do Xardín do Posío: Lugo, José Ramón Fernández Ojea “Ben-Cho-Shey” e Galicia. Acondicionaranse tamén os pozos, arquetas e rexistros situados na vía, e pintaranse despois as marcas viarias. Os traballos de asfaltado rematarán o venres, 13 de marzo, e a circulación de vehículos poderá restablecerse a partir do sábado.
A Policía Local vixiará a zona e amosará as posibles alternativas ás persoas residentes e usuarias da vía. En función da densidade de tráfico, valórase tamén a necesidade de realizar algunhas tarefas en horario nocturno.
O orzamento das actuacións é de 48.299,26 euros, IVE incluído.