Á vista dos últimos datos de evolución da pandemia da COVID-19 na cidade, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia acordou esta mañá prohibir as reunións de persoas non conviventes en calquera espazo interior ou exterior en Ourense. A Xunta mantén tamén as demais restricións sanitarias que xa estaban vixentes na cidade.
A nova orde da Consellería de Sanidade, publicada no Diario Oficial de Galicia número 200-Bis, limita os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.
Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.
Tampouco será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
DOCUMENTACIÓN
- Consulta aquí o texto completo da normativa: Orde da Consellería de Sanidade do 2 de outubro de 2020 (DOG)