A concelleira Eugenia Díaz Abella reuniu hoxe de novo os grupos políticos e o presidente da Federación de Asociacións Veciñais Limiar, Manuel Mosquera, para compilar as achegas ao texto -xa redactado no anterior mandato, pero sen apoios necesarios para a súa aprobación- da 'Ordenanza reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda e publicidade do alcohol', a coñecida popularmente como “ordenanza do botellón”.
“Seguimos traballando con intensidade, partindo dun traballo realizado no anterior mandato, onde o fundamental é enriquecer o texto co maior consenso posible, para lograr unha ordenanza que sexa práctica, viable e que contribúa a regular un problema de convivencia cívica e de saúde”, sinala a concelleira popular. “Agora analizaremos as achegas planeadas e volverémonos reunir o vindeiro día 23 para continuar avanzando”, di.