Os labores de mudanza ordenados desde a Concellería de Urbanismo permitiron que, cara ao mediodía, a empresa responsable da obra -Acciona Infraestructuras- puidese iniciar os traballos de demolición dos últimos postos que seguían en pé e proseguir coas obras de remodelación da Praza segundo estaba previsto.
A titular da Concellería de Urbanismo, Sonia Ogando, destaca a súa satisfacción polo remate deste expediente administrativo, no que os prazos se demoraron polo estado de alarma decretado pola Covid-19. “As obras da Praza de Abastos comezarán agora ao ritmo que tiñan que levar desde un principio”, asegura.
“É unha grande infraestrutura, de vital importancia para a nosa cidade”, afirma Sonia Ogando, que quere agradecer o labor de todas as persoas que se implicaron no proceso: persoal de Patrimonio, Servizos Xerais, Policía Local, a arquitecta de obra municipal, a empresa Acciona, e a empresa que retirou as pertenzas das persoas que ocupaban os postos... “Houbo un grande traballo de equipo que fixo posible que isto se resolvese da forma máis rápida e segura posible”.