Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

Ourense, 04 de decembro de 2018.

O Concello de Ourense vén de presentar a súa programación de Nadal 2018-2019, que este ano contará con máis de 400 propostas culturais, deportivas, de lecer e mesmo solidarias para que ninguén quede na casa, e aposta por actividades diarias para todos os públicos, converter as rúas nunha festa e chegar a todos os barrios da cidade. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que “a programación deste ano é froito dun esforzo transversal entre os distintos departamentos, con shows e espectáculos nunca vistos na nosa cidade, que converterán Ourense un ano máis na capital do Nadal de toda Galicia”.

Así o asegurou durante a presentación do programa de actividades, no Salón de Plenos, nun acto no que contou coa presenza dos concelleiros responsables de todos os departamentos implicados: Flora Moure, Belén Iglesias, Sofía Godoy, Jorge Pumar e Mario Guede.

Acendido das luces de Nadal

Vázquez Abad confirmou que o acendido das luces de Nadal terá lugar mañá, mércores 5, a partir das 19:00 horas cun espectáculo na Praza Maior que contará coas panxoliñas do Coro Son de Deus (As Lagoas) e coas voces privilexiadas da cantante Diana Tarín e de Alfonso Medela. O acendido recae este ano no grupo do Club de Natación Sincronizada Artística de Ourense.

Outras dúas citas darán pulo á chegada destas festas. Por unha banda a inauguración do Belén de Baltar, o 13 de decembro ás 18,30 horas, cun emotivo acto que xuntará poesía e a música a cargo do Conservatorio Profesional de Ourense. Un día máis tarde, os Xardíns do Padre Feijóo acollerán a inauguración do Poboado de Nadal, aberto até o seis de xaneiro.

Jesús Vázquez destacou que este ano os ourensáns poderán gozar con propostas únicas que chegarán á nosa cidade a través das novas tecnoloxías. En especial referiu que o tradicional video-mapping, que transforma a fachada do Concello nunha fermosa postal de Nadal, será diferente dun día para outro co obxectivo de non ofrecer o mesmo espectáculo en todas as súas convocatorias. “Tamén haberá un espectáculo piromusical, xogos e espectáculos de realidade aumentada, unha programación que aínda non está pechada e reserva moitas sorpresas”, asegurou Jesús Vázquez.

O video-mapping terá lugar os días 21 e 28 de decembro e o 4 de xaneiro, en dúas sesións de 19,30 e 21,00 horas; salvo o Día dos Inocentes, no que ás 21,00 horas haberá un espectáculo pirotécnico.

Pola súa banda, o Xardín Xaponés acollerá entre os días 19 e 30 de decembro, unha carpa de realidade virtual, que estará aberta toda a xornada e que contará cunha pantalla xigante de realidade aumentada. “Será unha actividade única que fará as delicias dos maiores e dos máis pequenos e pequenas da casa, xa que lles permitirá poder sacarse fotos cos protagonistas do Nadal, ou verse bailar con Papa Noel e os Reis Magos”, explica o rexedor ourensán.

A música vai ser protagonista de máis de medio cento de actividades culturais programadas para estas festas. Entre as actuación máis destacadas, a visita do cantante Sergio Dalma, que presentará o seu disco “Vía Dalma III”, no Auditorio de Ourense, o venres 14 de decembro. O Auditorio tamén acollerá, o 20 de decembro, un espectáculo único en Galicia, o Brothers in band “The very best of Dire Straits. European Tour 2018”.

Tras o recente éxito do concerto de homenaxe do grupo Queen, este Nadal será a quenda dunha agrupación formada por nove músicos que interpretan os grandes éxitos da banda inglesa Dire Straits. Alcanzan un nivel de recreación tan alto que mesmo foi destacado polos propios integrantes da banda británica homenaxeada.

Os concertos no Auditorio completaranse coa actuación da Banda da Loba, o 18 de decembro, ás 20,30 horas e cunha gala de ópera, o día de Reis a cargo da Orquestra Sinfónica e o Coro Gli Appasionati”, que subirá a 125 persoas ao escenario. A venda de entradas nestes tres concertos será a través da www.ataquilla.com, no teléfono 902.504.500, na sede de Afundación ou na billeteira dúas horas antes da función.

Concertos en diferentes espazos da cidade

O Concello tamén apostará pola música “made in Ourense” para darlle un oco e difusión a labor dos músicos da nosa cidade. A cantante María do Ceo ofrecerá un concerto de Nadal , o venres 21 de decembro, na Catedral. Pero ademais, o cantautor Emilio Rúa ofrecerá diversas actuacións en Igrexas de toda a cidade.

Esta aposta por chegar a todos os barrios tamén suporá que os ourensáns poidan gozar en distintos puntos da cidade dos concertos de rúa. Este ano a cargo do grupo Priscila, que regresa un ano máis coas súas tradicionais versión de Nadal; e cos grupos “Broken Peach” e “Cha, cerveza e violão”.

A Igrexa de Santa Eufemia acollerá durante tres días a XXIV Edición do Certame de Vilancicos e Panxoliñas. A música máis tradicional completarase con tres actuacións da Coral de Ruada. “Coincidindo coa conmemoración do seu primeiro século de vida regalarannos tres actuacións: os días 22 e 28 de decembro, e o tres de xaneiro. O segundo dos concertos será na Catedral”, explicou o rexedor.

Ademais, os amantes da mellor danza poderán desfrutar estas festas coa visita a Ourense do Ballet Nacional Ruso de Serguey Radchenko, que representará no Auditorio as obras “O Lago dos cisnes” e a “Cincenta”, os días 12 e 13 de decembro respectivamente.

Actividades para a rapazada

Pero como todos os anos a rapazada será a que viva dun xeito máis intenso os días do Nadal. Para elo, o Concello conta cunha programación multidisciplinar organizada polos departamentos de Cultura, Educación e Comercio.

Así, a cativada terá varias citas co teatro infantil no Auditorio, a través das obras como “Oviravai”, “Aladino e a lámpada marabillosa” e “Vaia Santa Claus. O Musical do Nadal”. Non serán as únicas oportunidades de desfrutar do teatro, xa que tamén poderán gozar coas propostas da tradicional MOTI, que lidera Sarabela teatro e que traerán a nosa cidade os mellores espectáculos infantís do momento.

Para os máis pequerrechos da casa haberá actividades especiais para bebés: teatro infantil no Auditorio, música na Sala Valente; e Os Bolechas presentarán o seu último espectáculo na nosa cidade, o día 3 de xaneiro.

A rapazada tamén será protagonista das actividades deseñadas dende a Concellería de Educación, con actividades na Escola Municipal de Inglés, panxoliñas escolares ou teatro, na rúa do Paseo. Aínda que o seu día grande será o 17 de decembro, ás 20,00 horas coa festa de Nadal a cargo dos grupos de Teatro Escolar.

A semana previa ás festas escolares haberá actividades no Auditorio da Escola de Teatro e da Escola de Música.

Durante as vacacións de Nadal a cativada poderá participar en actividades de conciliación na Aula da Natureza e nas bibliotecas municipais. Os barrios recibirán a visita da Carpa da maxia.

Dende o Concello tamén se destaca a especial sensibilidade coa aposta polo comercio ourensán a través dunha intensa campaña de animación nas zonas comerciais da cidade. Esta campaña ofrecerá á cativada un espectáculo de maxia que visitará distintos puntos de Ourense.

Pero ademais, os maiores poderán participar na campaña “”Pasaporte aos teus soños”, que lles permitirá que as súas compras poidan optar a premios para toda a familia: estancias no Parque Warner ou en balnearios, así como ceas e comidas en establecementos da Unión de Hostaleiros de Ourense.

Encontro con Papá Noel e os Reis Magos

Os días 22, 23 e 24 de decembro serán máis especiais porque Papá Noel e os seus elfos estarán nos soportais da Praza Maior recollendo as caras coas peticións dos nenos de Ourense. Os días 2, 3 e 4 de xaneiro , serán os paxes reais os que atenderán a rapazada, na rúa do Paseo. Este ano tamén promete ser especial a Cabalgata de Reis que terá lugar o 5 de xaneiro e que rematará cunha tirada de fogos artificiais no entorno do río Miño que conta coa colaboración do Centro Comercial Ponte Vella.

Deporte para nenos e solidariedade

Nadal tamén é tempo de deporte. A programación do Consello Municipal de Deportes contará con actividades especialmente destinadas ao público infantil, como a cabalgata acuática “Hai que mollarse”, o 21 de decembro; ou unha xornada de entrega de cartas a Papá Noel nun buzón máxico instalado no rocódromo da cancha central de Os Remedios.

Unha ducia de actividades animarán aos ourensáns a manter o deporte na axenda de Nadal para facer fronte aos excesos das comidas, como o Festival de Nadal de Natación Artística, o 23 de decembro; o II Open Nadal de Escalada, o 26 de decembro; o Torneo Nadal de Chave, o 29 de decembro ou o Torneo de Nadal de Atletismo en Pista Cuberta, o 4 de xaneiro.

Entre as propostas brilla a convocatoria da III San Silvestre Ourensá, o 31 de decembro a partir das 16:00 horas. Os participantes partirán do Xardín do Posío e percorrerán un circuíto que levará a festa por diversas rúas da capital.

O VII Torneo Social de Nadal de balonmán, que terá lugar o 28 de decembro, será unha oportunidade para axudar as persoas que máis o precisan a ofrecer a posibilidade de recoller alimentos para a Asociación Amencer e o diñeiro recadado a través de rifas destinarase á AECC de Ourense.

Actividades tecnolóxicas para a cativada

Tamén haberá actividades para a cativada nas instalacións da Molinera. O día 18 de decembro haberá unha videoconferencia na que Papa Noel atenderá os nenos de Ourense dende a súa casa en Laponia. Para a rapazada entre oito e doce anos haberá un obradoiro para axudarlles a que dean os seus “Primeiros pasos na Ciencia”. O que teñen entre 10 e 16 anos terán un obradoiro chamado “Mañás de diversión e tecnoloxía”.

Ademais na Molinera haberá unha campaña, en colaboración con Cruz Vermella,: “Fabricando sorrisos 2018”, para construír xoguetes con impresoras 3D para outros nenos da cidade.

Pero ademais o programa contará con moitísimas máis iniciativas das que o Concello irá dando conta, como o XIII Concurso de Beléns, unha gran festa Fin de Ano e Aninovo na Praza Maior; varios flashmob na rúa do Paseo; un mercadiño especial de Nadal, coincidindo co primeiro domingo do ano ou ioga termal nas piscinas de As Burgas.

“Estamos convencidos de que este ano ninguén terá escusa para quedar na casa. Animarvos e vide gozar do noso Nadal, porque é unha festa que brilla con luz propia”, explicou Jesús Vázquez.

O Concello de Ourense facilita a través deste formulario a comunicación directa entre a cidadanía e o Alcalde

Lin e acepto a política de privacidade
O Concello de Ourense como responsable desta Web tratará os datos carácter persoal que proporcione a través deste formulario. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais que lle solicitamos é para dar resposta á pregunta realizada por vostede ao Alcalde. A lexitimación realizase a través do consentimento do interesado, sendo necesaria a confirmación dos datos por parte do interesado como medida de verificación de os datos aportados.
Informámoslle que os datos que nos facilite estará localizados nos servidores do propio Concello e nos servidores de Arsys Internet, S.L. (Arsys) con domicilio social en C/ Chile nº 54, 26007 Logroño (La Rioja) España, empresa que proporciona o servizo de correo ao Concello de Ourense. Ver política de privacidade de Arsys
O feito de que non introduza os datos de carácter persoal que aparecen no formulario como obrigatorios terán como consecuencia que non podamos atender a súa solicitude.
Poderá exercer os seus dereitos de rectificación, limitación e supresión de datos mediante solicitude realizada ante o Concello de Ourense, solicitude que poderá presentarse segundo as formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro. Tamén poderá exercer o dereito a presentar unha reclamación ante unha autoridade de control. Pode consultar a información adicional e detallada sobre Protección de Datos na nosa política de privacidade.