EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Dende a chegada ao goberno do PP a súa xestión do servizo de axuda no fogar estivo ateigada de controversias derivadas da ineptitude na xestión de Sofía Godoy e da falta de sensibilidade do Alcalde de cara á axeitada prestación deste servizo clave no noso concello.
Os problemas fundamentais cos que nos atopamos son os seguintes:
- A caducidade do contrato de concesión do servizo de axuda no fogar o día 3 de xaneiro de 2019.
A isto hai que engadirlle que, tal e como confirmou a propia Sofía Godoy a preguntas dos socialistas, nin os novos pregos están redactados aínda por parte da Concellería de Benestar Social e ademais, a actual concesionaria do servizo, a empresa Valoriza, xa advertiu ao concello de que unha vez remate o contrato non seguirán a prestar o servizo.
A falta de previsión do actual goberno do PP, o seu pasotismo e desidia, provocarán que proximamente o servizo se atope en precario, con toda probabilidade ata o remate da lexislatura, ou ben que non haxa que o preste tralo anunciado pola actual concesionaria, co cal o servizo correría o risco de non poder seguirse prestando.
- A xestión das horas de dependencia e libre concorrencia, as listas de espera existentes e a ausencia de informes de seguimento por parte da empresa.
Dende o inicio da lexislatura, vimos denunciando que o Alcalde “vendía fume” cando presumía dos milleiros de horas que a Xunta de Galicia lle regalaba a Ourense para axuda no fogar. Recentemente, nun dos últimos plenos, Jesús Vázquez recoñecía que o número de horas era irreal e que non foron capaces de xestionalo dunha maneira razoable.
De feito, do ano 2017 a 2018, o concello diminuíu máis de 300 horas prestadas de libre concorrencia e máis de 2.000 horas prestadas de dependencia.
En canto ás listas de espera para os solicitantes de axuda no fogar, seguen a aumentar, no caso das de dependencia atópanse paralizadas as altas dende o mes de agosto de 2018.
Por último, dende a chegada ao goberno do PP en xuño de 2015, non temos constancia nin acceso a informes de seguimento por parte da empresa, que teñen carácter obrigatorio, e que o concello debería instar á empresa para a súa elaboración periódica cada dous meses.
- Facturas pendentes de pago e intereses de demora.
A pesar das múltiples excusas do Alcalde e Sofía Godoy para xustificar as demoras no pagamento das facturas deste servizo, a realidade é que a súa falta de dilixencia xa repercutiu nos petos de todos os cidadáns obrigando a pagar en intereses de demora á empresa máis de 200.000€, cantidade que segue “in crescendo” e coa que ben se podían cubrir servizos esenciais como a concesión de becas de libros e comedor aqueles que cumpran todos os requisitos e quedaran nas listas de agarda, ou simplemente a aumentar a partida destinada a emerxencias sociais.
- Ausencia de sancións á empresa concesionaria por incumprimento de contrato.
Tamén cabe destacar que nunca se nos facilitaron informes sobre a imposición de sancións por incumprimento de contrato.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE presenta para a aprobación desta Corporación Municipal as seguintes propostas de ACORDOS:
- 1.Instar ao Goberno Municipal á elaboración e aprobación urxente dos pregos para a licitación do novo concurso para a prestación do servizo de axuda no fogar no Concello de Ourense.
- 2.Instar ao Goberno Municipal a que, mentres non se proceda á nova adxudicación do servizo de axuda no fogar, se comprometa a garantir a prestación deste servizo, que afecta a un colectivo tan vulnerable como o das persoas maiores, en especial aqueles que se atopan en situación de dependencia.
- 3.Instar ao Goberno Municipal a que proceda a realizar un estudio de necesidades en anto ao números de horas de prestación do servizo no fogar (dependencia e libre concorrencia), co fin de poner en marcha unha xestión áxil e responsable das mesmas que desbloquee as listas de agarda actuais e, así mesmo, que garanta a presentación dos informes de seguimentos obrigatorios por parte da empresa cada 2 meses.
- 4.Instar ao Goberno Municipal a que , para que deixemos de pagar intereses de demora que poderían destinarse a outros fins sociais.
- 5.Instar ao Goberno Municipal a que garanta o cumprimento do contrato do SAF, realizando informes sobre incumprimentos contractuais detectados e impoñendo as sancións oportunas, de ser o caso.
O Pleno do Concello, por dezasete votos a favor do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal de Ourense en Común e dez votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.
24/01/2019: Remitido acordo plenario a dona Sofía Godoy Gómez-Franqueira. Recibido aviso de recepción o .
Documentos: