Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Nos últimos case catro anos de desgoberno do PP no Concello de Ourense foi constante a degradación e a precaridade na que sumiu á Oficina de Atención ao Cidadán Municipal. Unha oficina creada polo anterior goberno socialista, que abriu ao público no ano 2008 e que atende a un número superior a 25.000 persoas anualmente, e que foi incrementando ano a ano o número de cidadáns atendidos e os servizos de atención ao público ofertados segundo os propios datos suministrados pola Concellería de Participación Cidadá. Unha oficina referente da institución municipal tanto na atención e información ao público como na recepción e tramitación de solicitudes e queixas veciñais na última década.

Pero estes datos para o Partido Popular só lle serviron para “colgarse a medalliña” cando tocaba facer o balance anual, porque a pesar da súa falta de atención e desidia cara á oficina, esta seguía a funcionar grazas ao compromiso dos funcionarios municipais, coa maior normalidade e eficiencia posible, pese aos continuos recortes.

Tanto o Alcalde como a concelleira de persoal Flora Moure eludiron en todo momento as demandas dos traballadores que exercen as súas funcións tanto nesta oficina como en xeral no Concello de Ourense. Foi unha constante durante todo o mandato as colas na planta baixa da casa consistorial mentres se lle privaba aos empregados públicos dos seus dereitos laborais e nin sequera se adoptaban medidas de reorganización ou reforzo do persoal para estas tarefas.

ü  Dende finais do ano 2015 a causa da falta de persoal pechaba xa en horario de tarde.

ü  A Oficina de Atención ao Cidadán en concreto, como denunciamos os socialistas no seu momento, dende xaneiro de 2016 tiña un só traballador en horario de mañá e en maio do mesmo ano chegou a non poder atenderse ao público a partir das 12 horas, cando a atención ofertada era de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas, a excepción dos meses de xullo e agosto.

ü  O teléfono de atención ao cidadán habilitado (988392909) non pode ser atendido dende entón ata hoxe nin tan sequera en horario de mañá polas carencias existentes, e o retraso na presentación e tramitación de solicitudes é máis que preocupante.

ü  A día de hoxe, xa no ano 2019, a oficina conta con dúas funcionarias interinas, seguen sen poder ofrecer unha axeitada atención telefónica (reciben 3.000 chamadas ao ano de media), non se poden realizar as xestións tributarias derivando aos cidadáns ás dependencias municipais da Praza da Imprenta, ademais de seguir sen poder tramitar axeitadamente as solicitudes, que no caso das peticións veciñais son aproximadamente de máis de 1.200 ao ano, o que produce reclamacións por falta de resposta constantes.

Todos estes feitos que denunciamos durante todo o mandato foron sucedéndose no tempo sen que os responsables municipais do PP puxeran da súa parte para solventalos, o que nos fai pensar que o seu único fin é a eliminación da Oficina de Atención ao Cidadán. De outro xeito non se pode entender que a sabendas da diminución substancial da calidade na atención ao público e o colapso administrativo existente que repercute a todas as dependencias e concellerías, nada se fixera neste tempo. Os socialistas consideramos que nin o Alcalde nin Flora Moure cren na funcionalidade nin na transcendencia desta oficina dentro do organigrama do concello e moito menos lles importa a súa función de cercanía e a axuda que está a prestar desde fai máis dunha década a multitude de veciños e colectivos da nosa cidade.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE presentamos para a súa aprobación desta Corporación Municipal as seguintes propostas de ACORDOS:

  1. 1.Instar ao Goberno Municipal a manter e poñer en valor a Oficina de Atención ao Cidadán do Concello de Ourense despois de máis dunha década dende a súa apertura e quedando demostrado a súa idoneidade e eficacia como ferramenta de proximidade do noso concello e de axuda aos veciños e veciñas de Ourense.

  1. 2.Instar ao Goberno Municipal a que se comprometa a realizar un estudio de necesidades de persoal para o reforzo da Oficina de Atención ao Cidadán do Concello de Ourense e poña en marcha todas as medidas oportunas para facelo efectivo á maior brevidade posible.

O Pleno do Concello, por dezaoito votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal de Ourense en Común e oito abstencións do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

24/05/2019: Remitido acordo plenario a dona Flora Moure Iglesias. Recibido aviso de recepción o 3/06/2019.

Documentos: