Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN

Ourense é unha potencia cultural. A cultura ourensá é indestructible. É diversa e abondosa. Reinvéntase permanentemente. Somos unha potencia creativa.

Cando enumeramos as características singulares de Ourense, falamos da súa historia, do viño, do termalismo, do pai Miño, do patrimonio, do noso xeito de vivir a vida. E tamén da Xeración NÓS, dos Artistiñas, do rock, da tradición coral... Porque Ourense é ten un poderoso legado cultural. Dende os poboadores castrexos ata os nosos días somos un pobo de artistas. Curros Enríquez, Lamas Carvajal, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Antón Tovar, Carlos Casares, Pura e Dora Vázquez, Xosé Luís Méndez Ferrín.

O grande activo do ecosistema cultural ourensán é a súa diversidade: conviven espazos alternativos de creación e difusión con outros e carácter institucional. Ofrécense producións dirixidas a públicos maioritarios e outras máis experimentais orientadas a outros espectadores. Hai proxectos de pequeno, mediano formato xunto con outros (os menos) de maior envergadura. Son numerosos os proxectos que dependen do asociacionismo, o voluntariado e a práctica amadora. A riqueza que dá a diversidade actúa como un factor de resilencia que lle permite á cultura ourensá adaptarse e resistir á complexidade das circunstancias de cada época. Parte deste rico ecosistema non é rendible dende o punto de vista económico e necesita ser acompañado dende a institución municipal.

A cultura ourensá xenera riquezas múltiples. Sociais, laborais, patrimoniais, comerciais, turísticas. Pero tamén xenera identidade e relato. Explícanos quen somos como territorio. Ensínanos a mirarnos a nós mesmas. Define o noso papel no mundo. Estamos diante dun sector con grande capacidade de xerar riqueza e traballo de calidade, pero á vez acumula feblezas sitémicas e coxunturais. A crise actual é económica, pero tamén cultural.

Porque comporta unha crise dos valores e das relacións que regulan o modelo de sociedade. E por isto a cultura local, a cultura de proximidade pode axudar a saír das crises. A xenerar riqueza no noso territorio.

É por todo isto que entendemos que a cultura ourensá precisa algo. Que dende o concello de Ourense a dotemos das mellores condicións para que floreza. Que poidamos medir os seus retornos. O económico pero tamén, e sobre todo, o social.

A principal razón para pensar estratexicamente a cultura no ámbito metropolitano é que a cultura é un ben común, de primeira necesidade, que mellora a calidade de vida e a experiencia cotiá das cidadás. É por este motivos que non se debe confundir cultura con industrias culturais e creativas. Por unha banda tense que planificar o acceso democrático a un dereito básico, equivalente á sanidade ou á educación e por outra, debemos promocionar unha serie de actividades económicas con gran potencial de crecemento non só pola demanda turística, senón porque a mellora nas condicións de impulso á creación, acceso á formación, difusión e calidade da oferta ten efectos multiplicadores na demanda interna de bens e servizos culturais.

É preciso pois dotar á sociedade ourensá e ao concello de Ourense dun Plan Estratéxico da Cultura. Que naza do consenso e do acordo e poida perdurar no tempo aceptado, de xeito común por todos os actores políticos e cidadáns. Un plano estratéxico que defina as accións necesarias a acometer durante un período de tempo. Que fixe obxectivos, metodoloxías e criterios. Que trace un mapa de recursos e necesidades. Que defina demandas e equipamentos. Que permita unha mellor coordinación e comunicación en termos culturais. Que impulse a creación e a internacionalización.

Pero non pode ser un plan calquera. Un documento que naza morto e destinado a habitar no caixón do despacho do responsable político de turno. Ten que ser un plano que naza dunha reflexión ampla que implique a toda a cidadanía, que inclúa mecanismos de participación eficaces no seu proceso de elaboración. Un Plan Estratéxico público e auditable en todas as súas fases.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación o seguinte acordo:

ACORDO

1.- O pleno do Concello de Ourense acorda instar ao goberno municipal para que proceda a iniciar os trámites oportunos para a posta en marcha do proceso participativo a través do cal se redactará o Plan Auria – Plan Estratéxico da Cultura Ourensá.

O Pleno do Concello, por dezaoito votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal de Ourense en Común, e oito abstencións do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

24/05/2019: Remitido acordo plenario a dona Belén Iglesias Cortés. Recibido aviso de recepción o 27/05/2019.

Documentos: