Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No ano 2017 a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas acordaron a incorporación de catorce novas titulacións de grao ao Sistema Universitario de Galicia durante o trienio 2018-2020. Esta medida foi acompañada da retirada (co consenso de tódalas partes implicadas) de oito graos. O balance de novos títulos/títulos retirados nas universidades foi 7/4. En concreto na Universidade de Vigo (UVigo) foi 3/0. As novas titulacións da UVigo aumentarán a oferta académica dos campus de Vigo e Pontevedra, quedando o campus de Ourense como o único dos galegos en incorporar tarde e mal e un título itinerante de Relacións internacionais que se impartirá en tres campus diferentes cada ano – Ourense, Lugo e Ferrol- acollendo en Ourense, soamente un deles.

Recentemente, os reitores das tres universidades galegas teñen pactado unha revisión do acordo de 2017. Polo que transcendeu, a devandita revisión contempla a incorporación adicional de titulacións na USC e na UDC, mentres que, aínda que non se sabe exactamente que depara para a UVigo, é coñecido que o dobre grao en informática e ADE do campus de Ourense ten sido suprimido e o Grado en Turismo deixa de impartirse en exclusiva na cidade das Burgas, pasando a ser compartido coa Universidade de A Coruña. Por outra banda, temos o máster en Enxeñaría Aeronáutica, un título que é a continuación natural dos estudos de grao en Enxeñaría Aeroespacial que se imparten en exclusiva na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (EEAE) do campus ourensán. É público que non está claro que esta titulación deba ser impartida na única escola de aeronáutica de Galicia. De feito, ninguén ten descartado que o título remate sendo interuniversitario entre a UVigo e a UDC. A falta de información oficial sobre todo isto é alarmante. En primeiro lugar, non se sabe que ten pasado exactamente co dobre grao en Informática e ADE. A incertidume con respecto ao máster en Enxeñaría Aeronáutica tamén é absoluta. O único que se sabe é que cómpre tomar unha decisión definitiva antes de que a primeira promoción de enxeñeiros/as aeronáuticos/as formados/as en Galicia finalice os seus estudos.

No sistema universitario español, o grao en Enxeñaría Aeroespacial habilita para exercer como enxeñeiro técnico ou perito aeronáutico, mentres que o máster en Enxeñaría Aeronáutica faino para exercer como enxeñeiro superior aeronáutico. Posto que en Galicia a única titulación que da aceso ao máster é o grao en Enxeñaría Aeroespacial que se imparte na EEAE do noso campus, o natural sería completar a titulación en Ourense. Pero existe a posibilidade de que ese máster sexa implantado na Escola de Camiños da Coruña.

O grao en Enxeñaría Aeroespacial foi a contra prestación ao peche da licenciatura de Física no noso campus no ano 2009, decisión declarada ilegal en 2012 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Pola súa banda, os estudos de Física foron a compensación ao peche, nos anos 90, dos de Química, Bioloxía e Farmacia. E agora temos que a Xunta e os reitores da Coruña, Santiago e Vigo impulsan a implantación de máis dunha ducia de titulacións de grao nos campus da Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol, ao mesmo tempo que os plans para Ourense se reducen basicamente a suprimir os seus estudos coa terceira nota de corte máis alta e a abrir a porta á duplicación de estudos na Coruña.

Ademais disto, nos últimos anos vence amosando un decidido interese da Xunta de Galicia de impulsar o campus de Lugo e a USC" en detrimento da UVigo e o Campus de Ourense", coa "sorprendente decisión, unilateral, de suprimir o dobre grao en Informática e ADE, despois de terse graduado a primeira promoción e cunha boa acollida por parte do alumnado, en detrimento do grao en "Empresa Tecnolóxica", que se pretende implantar no campus de Lugo, onde “sorprendentemente” exerce como profesor o Secretario Xeral de Universidades na Facultade de Ciencias Empresariais.

Aínda que a competencia en materia de universidades recae nos gobernos autonómicos, é evidente que todo o que afecte á provincia de Ourense e ao seu territorio de influencia debe ser de interese para os seus representantes políticos. Estamos a falar dun campus universitario que está integrado na cidade e no que desenrolan a súa actividade preto de 4500 estudantes e 500 membros do persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos. Preto da metade deste estudantado procede doutras provincias. Estamos, polo tanto, ante un espazo educativo que proporciona oportunidades ós mozos e mozas para cursar uns estudos que, nalgúns casos, non se poderían custear fora e, tamén, ante unha fonte de ingresos para o sector servizos e inmobiliario, polo tanto estaríamos ante unha defensa da “Ourensanía” que promulga esta Deputación. Máis alá destas cuestións, cómpre sinalar que a universidade é unha institución que desde que existe como tal (século XII), ten propiciado o progreso.

Segundo a UNESCO, os gobernos están chamados a desenrolar políticas para facer chegar ao maior numero de territorios posibles a "ensinanza superior", entendida como a que comprende disciplinas do ámbito universitario asociadas á investigación científica e o impulso tecnolóxico. Perseguir este ideal ten sido unha verdadeira causa en Ourense e así debe seguir sendo. Estamos necesitados de todo, pero tamén de xente moza e formada que poida contribuír a impulsar a cidade. Neste contexto, manter a vitalidade do noso campus é fundamental.

Polo exposto, o Grupo Socialista presenta as seguintes PROPOSTAS DE ACORDO:

 

  1. Que dende o Concello de Ourense se inste á Universidade de Vigo e á Xunta de Galicia a recuperar, con carácter inmediato, o dobre grao en Informática e ADE, que nunca tivo que ter sido pechado; se impulse a carreira de Aeronáutica coa implantación en exclusiva do Máster en Enxeñaría Aeronáutica; se reivindique a exclusividade do Grao en Turismo; e se incorporen novas titulacións de grao que permitan manter a competitividade do noso campus.

O Pleno do Concello, por unanimidade dos asistentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

24/10/2019: Remitido acordo plenario a dona María Teresa Rodríguez Garrido . Recibido aviso de recepción o 24/10/2019.

30/01/2020: Remitido por Rexistro telemático acordo plenario relativo á defensa do mapa de titulacións de titulacións do campus de Ourense ao reitor da Universidade de Vigo.

30/01/2020: Remitido por Rexistro telemático acordo plenario relativo á defensa do mapa de titulacións de titulacións do campus de Ourense ao secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

 

Documentos: