Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

Ourense conta na actualidade, segundo os datos obrantes na Concellería de Medio Ambiente, cun patrimonio arbóreo censado de 4.200 árbores e unha superficie de pouco máis de metros cadrados de zonas verdes. O que suporía unha media de 1 árbore por cada 25 veciños aproximadamente.

 

As recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) tendo en canto a ratio de número de árbores por cidadán din que o ideal sería 1 árbore por cada 3 veciños, o cal serviría para garantir a rexeneración e o aumento da calidade do aire no casco urbán.

Está claro que a insuficiencia de árbores é evidente, aínda tendo en conta tamén que o censo do que se dispón a nivel municipal non é real, porque só se teñen contabilizadas as árbores que teñen alcorque e non, por exemplo, as árbores que están situadas no entorno dos cauces fluviais.

A aposta medioambiental nas cidades ten que ser liderada polo entes municipais e existe moito traballo pendente de cara a conseguir un Ourense máis verde e máis sostible, e mais se temos en conta que na actualidade contamos co contrato de mantemento de zonas verdes en precario (por fallos nos proceso de contratación anterior realizado neste mandato) e existe carencia de persoal municipal para o coidado de parques e xardíns.

 

Por outra banda, nos últimos 5 anos de mandato do Partido Popular, este último da man de Democracia Ourensana, ocorreron e están a ocorrer, feitos foi relevantes, que fan que a preocupación cidadá sobre a política medioambiental que se está a levar a cabo dende o Concello de Ourense vaia en aumento.

 

Os denominados “arboricidios”, podas e talas salvaxes e indiscriminadas que se fixeron ou están previstas nalgunhas zonas importantes da cidade fan que teñamos que poñer o foco no deber dos nosos gobernantes de preservar, manter e aumentar o patrimonio arbóreo e os espazos verdes de Ourense.

-    A Praza de San Marcial

 

En setembro de 2017, co PP de Jesús Vázquez á fronte do goberno local, produciuse un dos maiores “atentados” medioambientais da historia recente da nosa cidade: a tala de árbores da Praza de San Marcial. Daquelas, o PSOE denunciara a tala masiva de árbores catalogadas perante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, e a posteriori, ano e medio despois daquela “dantesca” actuación, criticamos a falta de criterio e previsión na reposición das árbores (algunhas delas hoxe secas).

-    A Praza da Magdalena

 

Nesta fermosa praza do noso casco vello (no seu día mercado de froitas e verduras e a posteriori cemiterio) elimináronse algunhas árbores existentes tamén nos últimos tempos, e estase a deixar lugar e cada vez máis espazo a un establecemento hosteleiro, que non sabemos se para paliar esa ausencia das árbores decidiu instalar xardiñeiras neste enclave histórico. Un lugar que sempre conservou un ambiente tranquilo e no que brilaba o cruceiro barroco, e que agora loce bastante máis denostado pola falla de sensibilidade e de respecto ao noso patrimonio do bipartito PP-DO.

 

-    O Parque do Couto

 

A construción da pista de skate no actual Parque do Couto dentro da 2ª fase do proxecto de Rehabilitación da Ponte Romana que está a levar adiante a Xunta de Galicia, é tamén un motivo de conflito pola afectación que pode ter o inminente inicio das obras nas árbores existentes na zona. A pesares da insistencia dos grupos políticos (PSOE, BNG e CDs) e iniciativas aprobadas neste pleno, inicialmente tamén co apoio de Democracia Ourensana, pero dende que goberna co PP xa non, desbotouse a posibilidade de cambiar de ubicación a pista de skate e evitar os posibles danos medioambientais que sufrirá o actual Parque do Couto.

 

-    O Arce da Praza dos Suaves

 

A polémica máis recente foi o anuncio do actual alcalde de retirar o arce da Praza dos Suaves porque segundo afirmaba “tapaba as vistas da Catedral de Ourense”. Diversos colectivos e veciños e veciñas mobilizáronse para reivindicar o seu mantemento no lugar que está e criticando o criterio prantexado por Jácome para eliminalo sen máis.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista presenta neste Pleno, para a súa aprobación, as seguintes propostas de ACORDOS:

  1. 1.Instar ao Goberno Municipal a que proceda a elaborar un censo do patrimonio arbóreo actualizado da cidade deOurense.

 

  1. 2.Instar ao Goberno Municipal a que poña en marcha un plan de acción dende a Concellería de Medio Ambiente para preservar, manter e aumentar o patrimonio arbóreo de Ourense, garantindo que non se produzan máis talas indiscriminadas e salvaxes por toda acidade.

 

Emenda presentada polo Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego

EMENDA DE ENGÁDEGA:

 

TEXTO ENGADIR:

  1. Elaborar un Plan Director do Arboredo do Concello de Ourense, que permita por en marcha un Plan de xestión integral do arboredo do Concello.
  2. Recuperación do viveiro municipal como un espazo de oportunidade educativa, de integración laboral e social.
  3. Posta en marcha do Consello Municipal de medio Ambiente en aplicación do regulamento aprobado no seu día.

  6/10/2020: Remitido acordo plenario a Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 7/10/2020.

 

Documentos: