Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Desde o BNG levamos moito tempo denunciando que o goberno central desmantela os servizos ferroviarios do noso país, coa complicidade da Xunta de Galiza. Con esta iniciativa queremos facer un chamamento para esixir unha rectificación inmediata dunha situación que nos últimos meses ten virado insoportable. Galiza e as poboacións de Ourense, Ribadavia, O Carballiño, A Rúa, o Barco de Valdeorras e outras localidades merecemos servizos de primeira.

Desde hai anos RENFE e ADIF, por decisións políticas do PP e do PSOE, avanzaron no baleirado dos servizos ferroviarios. Co paso dos anos, no lugar de mellorárense as conexións entre as poboacións, a liña é a contraria.

Hoxe, a liña entre Vigo e Ourense ten menos paradas e frecuencias que hai unha década. O mesmo acontece coa conexión A Coruña-Ourense, e con Ourense-O Barco. Así mesmo, as conexións entre Ourense e A Gudiña ou Lugo son practicamente inexistentes. Os servizos non melloraron e o único que parecía un avance, a posta en marcha do Avant A Coruña-Ourense, foino a cambio duns prezos absolutamente abusivos, ata un 60% superiores aos que se pagan nas conexións da franxa atlántica e cuns horarios ao servizo da conexión con Madrid no lugar de ao servizo das necesidades da poboación.

Estas son as consecuencias de obedecer a un modelo de desenvolvemento do tren centralista, no lugar de primar a conexión interior de Galiza, que carece hoxe dun tren de proximidade como si ten Catalunya ou Cantabria. E son tamén as consecuencias da progresiva privatización dun servizo que debe ser público e axudar ao desenvolvemento económico dunhas comarcas empobrecidas e con graves problemas de fixación de poboación como as ourensás.

Privatizáronse servizos, pecharon estacións e iso non significou a mellora das que quedaban. Máis ben ao contrario. Primeiro privatizaron numerosos servizos como o de atención ao cliente, e agora este proceso quere concluír no peche de moitos deles, como é o caso do servizo presencial de venda de billetes e atención ao público nestas estacións. Así mesmo, son constantes os problemas de avarías e atrasos, especialmente nas liñas rexionais.

Máis aínda, aproveitando a crise da covid-19, o goberno central vén suprimindo diferentes liñas sen xustificación, tamén de tren avant. Esta situación non pode permitirse, debemos esixir que os servizos se melloren e se manteñan como exclusivamente públicos e que ao tempo se melloren os trens, as liñas, a oferta horaria e haxa un prezo xusto que contribúa a que realmente o tren poida ser un medio de transporte útil e accesíbel para a poboación, mellorando a mobilidade e reducindo o uso do transporte privado.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicita do pleno da corporación a adoción do seguinte

ACORDO

O Concello de Ourense acorda demandar do Goberno do Estado:

1. Solicitar a RENFE e ao ADIF, a reposición inmediata das liñas de ferrocarril suprimidas baixo a desculpa da covid- 19.

2. O cumprimento do acordo unánime do Pleno do Parlamento Galego do pasado 7 de febreiro de 2018 sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coas necesidades existentes e as melloras necesarias no transporte ferroviario entre Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña.

3. O abaratamento da Liña Avant Ourense - Santiago - A Coruña de cando menos un 30% e o estudo da prolongación da liña ata Monforte de Lemos.

O Pleno do Concello, por unanimidade dos concelleiros asistentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

.

  23/10/2020: Remitido acordo plenario a Don Manuel Telmo Ucha Álvaez. Recibido aviso de recepción o 23/10/2020.

 

Documentos: