Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 As diferenzas entre grupos políticos, que son proba da lexítima diversidade de posicións e ideoloxías, exacerbáronse ao longo dos últimos anos na cidade de Ourense, desembocando nun bloqueo institucional con efectos directos sobre a cidadanía.

Proba de elo foi a incapacidade para artellar orzamentos durante todo o pasado mandato, con acusacións cruzadas entre as forzas políticas respecto da responsabilidade deste bloqueo das contas municipais.

A este estatismo de recursos engadiuse a parálise na xestión dos servizos, precarizándose a maior parte deles e resentíndose a calidade das prestacións públicas ofertadas, ata o punto de verse afectadas as propias arcas do consistorio.

O déficit na xestión tamén afectou a servizos esenciais, con imprevisión de recursos humanos e materiais para prestar servizos esenciais como a policía local (co conseguinte menoscabo para a seguridade pública en xeral e para as vítimas de violencia de xénero en particular), os bombeiros (con numerosas reclamacións de medios) ou os servizos sociais (sempre no límite da súa función), entre outros (como a limpeza de colexios, o mantemento de infraestruturas, parques e zonas verdes ou a recollida do lixo, por exemplo).

A ausencia de modelo de cidade ou dun novo PXOM, o desleixo do termalismo, a falla de iniciativas compartidas con outras administracións públicas europeas, estatais, autonómicas o locais, e a falla de conexión coa universidade, as empresas, o comercio e os movementos asociativos, veciñais, culturais e as diversas ONGs, illaron aínda máis a nosa administración local do progreso e da veciñanza á que debe servir e representar.

En definitiva, no último lustro conformouse unha xestión municipal ineficiente que está a afastar a Ourense da senda de desenvolvemento que están a seguir o resto das urbes europeas, españolas e galegas.

A percepción social desta situación deu lugar a unha demanda de cambio no goberno municipal, que se viu referendada nas urnas nas pasadas municipais, sendo maioritario o voto outorgado aos partidos que avogábamos polo cambio.

Sen embargo, desatendeuse este sentir e forxouse un pacto entre Partido Popular e Democracia Ourensana que primou o intercambio de poderes na cidade e na deputación provincial sobre o desenvolvemento de programas políticos e axendas de cambio, asentando todo elo sobre liderados moi individualizados en ambos lugares.

Descoordinacións, disputas e confrontacións internas marcaron o devir de PP e DO na dinámica de goberno municipal, servindo como proba pública de elo as manifestacións aos medios do anterior tenente de alcalde, Jorge Pumar, quen afirmou que o alcalde carece de proxecto de cidade, reclamándolle altura de miras nunha xestión que cualificou cun “aprobado”, fronte ao sobresaínte que se auto-asignou Gonzalo Pérez Jácome.

As desavinzas internas da propia DO levaron a unha ruptura no seo deste grupo, onde se mesturaron acusacións contra a falla de transparencia nas contas do partido por parte do alcalde con réplicas deste en relación, por exemplo, á “baixa produtividade” dos seus propios edís (referíndose, en concreto, ao labor do concelleiro de infraestruturas Miguel Caride).

Aos “díscolos” de DO uniuse a totalidade dos concelleiros e concelleiras do PP, que renunciaron as súas concellerías e esixiron ao alcalde respostas que clarificaran o destino dos fondos do seu partido, ou que presentara a súa dimisión.

A consecuencia actual deste clima de liortas é que unha cidade de case 106.000 habitantes está a ser gobernada polo alcalde e dous concelleiros de DO, todos eles sen experiencia de goberno e integrados nunha formación política baixo sospeita e sen conexión con partidos políticos de quen puideran recibir asesoramento e apoio.

Neste contexto, a pandemia do COVID-19 -a máis grave do último século- extrema a situación de crise municipal, e urxe o diálogo e a procura dun goberno alternativo para a cidade.

Ourense non merece o goberno minoritario actual, nin ser refén de cálculos partidistas. Os representantes dos partidos políticos temos o deber e a obriga de dialogar para dar solución aos seus problemas, facilitarlles servizos de calidade e unha contorna segura dotada dunha mobilidade sostible, e con numerosos espazos verdes, reclamos turísticos atractivos, infraestruturas modernas e oportunidades laborais para a cidadanía.

Nestes intres, o concello conta con recursos económicos pero carece dun goberno solvente para ordenar, planificar e executar accións responsables en pro dunha cidade que ansía ollar con ilusión transformacións que a sitúen na liña de avance das restantes urbes modernas da nosa terra.

O PSdeG-PSOE gañou as últimas eleccións municipais, representa o sentir maioritario de Ourense e amosou en reiteradas ocasións a súa vontade para buscar solucións dialogadas e positivas que permitan superar un impase que se torna cada intre que pasa menos tolerable.

Por todo o exposto, o grupo socialista no concello de Ourense presenta a seguinte PROPOSTA DE ACORDO:

  1. Instar aos grupos políticos municipais a participar nunha canle de diálogo ofrecida polo grupo municipal do PSdeG-PSOE para desbloquear a situación de parálise de Ourense, co obxecto de construír un goberno municipal representativo do sentir maioritario da cidade que dea resposta as necesidades da veciñanza de xeito estable e responsable, tal e como esta merece.

Emenda presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:

TEXTO INICIAL :

1.- Instar aos grupos políticos municipais a participar nunha canle de diálogo ofrecida polo grupo municipal do PsdeG-PSOE para desbloquear a situación de parálise de Ourense, co obxecto de construír un goberno municipal representativo so sentir maioritario da cidade que dea resposta as necesidades da veciñanza de xeito estable e responsable Goberno local a tomar unha decisión urxente e definitiva sobre o espazo.

SUBSTITUCIÓN:

1.- Instar aos grupos municipais, a establecer un diálogo fluído, leal e aberto, baseado no acordo plenario do Concello de Ourense do pasado 11 de setembro, relativo á petición da dimisión do alcalde, tendente a constituír un Goberno Municipal estable.

NOVA REDACCION FINAL:

1.- Instar aos grupos municipais, a establecer un diálogo fluído, leal e aberto, baseado no acordo plenario do Concello de Ourense do pasado 11 de setembro, relativo á petición da dimisión do alcalde, tendente a constituír un Goberno Municipal estable.

O Pleno do Concello, por trece votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Ciudadanos e do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, agás Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea Bouzo; e doce votos en contra do Grupo Municipal PSdeG-PSOE e dos señores Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea Bouzo, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, e do señor Telmo Ucha Álvarez, concelleiro non adscrito; e dúas abstencións do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a emenda.

En consecuencia, queda aprobada a moción coa redacción dada pola emenda conxunta do Grupo Municipal do Partido Popular.

.

  23/10/2020: Remitido acordo plenario a Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 23/10/2020.

 

Documentos: