Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

O proxecto do Centro de Coñecemento de La Molinera de Ourense xurde dunha vella reivindicación veciñal de que se recupere para a cidade as antigas instalacións da panificadora que existía na zona, denominada precisamente como antiga Molinera. Un dos grandes impulsores e loitadores para acadar que se convertera en realidade foi o representante veciñal e ex concelleiro nesta institución, Miguel Doval Garza.

O goberno bipartito de PSOE e BNG no mandato 2007-2012 pon en marcha o proxecto do novo centro de coñecemento a través da subvención do Plan Avanza do Ministerio de Industria por un importe total de 2 millóns de euros (1,5 millóns para a obra e 500.000 para o seu equipamento).

O centro referente no que se inspirou La Molinera naquel momento foi o CityLab de Cornellá en Barcelona, o centro de coñecemento e formación en TICs máis prestixioso de Europa daquelas.

No interior do novo edificio contemplábase unha sala de ordenadores con 36 postos, talleres de impresión, audio, electrónica, vídeo, área de co-working, auditorio e laboratorio de emisión en “streaming”.

A obra iniciase en novembro de 2011 pero a empresa adxudicataria cae en concurso de acredores e permanece paralizada durante 2 anos. En 2014 reiniciase de novo e finalmente a finais de marzo de 2016, xa baixo o mandato do Partido Popular no Concello de Ourense, ábrese ao público este novo espazo para a cidadanía.

A autodefinición deste centro municipal é a dun laboratorio de innovación social dixital centrado nas persoas, co obxectivo de converter a Ourense nunha cidade innovadora e pioneira.

O centro e a súa programación de actividades pilota sobre tres eixos estratéxicos fundamentais: innovación social dixital, nova empregabilidade e tecnoloxías 4.0. Estrutúrase en áreas ou espazos coa seguinte denominación: Aula CeMIT, Espazo Kids, Espazo Talento e Emprendemento, Espazo Xóvenes Inspiradores, Espazo Maker e Espazo Agora.

Dende a súa apertura ao público no ano 2016, este espazo obtivo un importante respaldo institucional por parte da Deputación de Ourense que apoiou e desenvolveu tamén numerosas actividades, en colaboración co Concello, neste centro innovador.

Os datos estatísticos de 2017 e 2018 reflexan claramente o bo funcionamento, rendemento e acollida cidadá do Centro de Coñecemento de La Molinera na súa ubicación na Rúa do Abrevadoiro:

- Ano 2017. Máis de 32.500 usuarios, máis de 150 actividades, 15 eventos, 14 visitas escolares.

- Ano 2018. Máis de 37.700 usuarios, case 100.000 visitas á páxina web, 212 actividades, máis de 60 iniciativas emprendedoras iniciadas.

En novembro de 2019, o actual rexedor municipal Gonzalo Pérez Jácome anunciaba que, a partires de abril de 2020, o Centro La Molinera sería a sede do novo Centro de Intelixencia Artificial e que as actividades do centro se trasladarían ás instalacións da Concellería de Educación situadas en San Francisco, á carón do Auditorio Municipal. Antes deste anuncio, Jácome propuxera xa dúas alternativas distintas para o seu Centro de Intelixencia Artificial.

Para os socialistas, o Centro de Coñecemento de La Molinera xa é un elemento singular e histórico para a nosa cidade e tamén un equipamento fundamental para o Concello de Ourense na ubicación na que se atopa. Unha infraestrutura pola que loitaron e traballaron todos os representantes municipais de distintas cores políticas, e que agora nós entendemos que de ser trasladado perderá toda a súa esencia e acabará desmantelado e sen funcionamento, para deixar sitio a un suposto Centro de Intelixencia Artificial que a todos nos xera dúbidas tanto a súa creación coma a súa viabilidade.

Nos últimos meses, todos os ourensáns asistiamos con gran satisfacción á dimensión social e nacional que tivo o traballo dos voluntarios de La Molinera que traballaron día e noite para fabricar miles de mascarillas a través de impresoras 3D para a protección das persoas contra o coronavirus, incluído Gonzalo Jácome, o mesmo que quere cambiar este centro de emprazamento polo seu capricho de que o lugar sexa ocupado por un centro de IA do que pouco ou nada sabemos, salvo o gran investimento que precisaría.

Por todo o exposto, o grupo socialista presenta a seguinte PROPOSTA DE ACORDO:

  1. Instar ao Goberno Municipal a que se comprometa a manter o Centro de Coñecemento de La Molinera na súa actual ubicación.

O Pleno do Concello, por vinte catro votos a favor do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana agás Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea Bouzo, do Grupo Municipal de Ciudadanos e do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, e tres votos en contra de Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea Bouzo de Democracia Ourensana e Manuel Telmo Ucha Álvarez, concelleiro non adscrito, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.

  23/10/2020: Remitido acordo plenario a Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 23/10/2020.

 

Documentos: