Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Goberno

 

É evidente que o novo goberno bipartito municipal non entende o colectivo xuvenil coma unha prioridade, por este motivo, nós consideramos que deben implementarse a nivel local as infraestruturas das que dispoñemos para eles (Espazo Lusquiños), a oferta de actividades e tamén regular a súa participación social e facilitar o seu acceso ás compras no comercio local, aos eventos culturais e deportivos da nosa cidade e tamén a outras alternativas de ocio, que poden chegar a evitar outros problemas sociais de maior dimensión neste colectivo, como por exemplo a adicción ás drogas ou o fenómeno do “botellón”.

Noutras cidades españolas, coma Murcia ou Zamora, creouse unha tarxeta para mozos e mozas co fin de que que a xente nova teña dereito a vantaxes económicas nos propios servizos que ofrece o concello en materia cultural, deportiva e de ocio, así como no transporte urbano ou no acceso a outras actividades organizadas por entidades privadas con sede nos seus municipios.

Na cidade de Ourense, sería unha boa iniciativa municipal e que contaría co respaldo das asociacións de comerciantes, da asociación de taxistas, de establecementos locais e outras administracións, fomentar e consignar unha liña de axudas a través dunha “Tarxeta Moza”, para que a xuventude da cidade no rango de idade dos 14 aos 26 anos (incluídos os estudantes de fóra residentes en Ourense) poida acceder con maior facilidade a descontos económicos, e, polo tanto, contribuír á dinamización da economía local e consumir actividades alternativas de ocio, á vez que axudamos ao fomento da nosa cultura e o noso deporte, tamén favorecemos a mobilidade urbana sostible e segura e apoiamos o uso do taxi e o transporte público.

A creación desta Tarxeta Moza implicaría que o Concello establecera convenios de colaboración coas asociacións da cidade anteriormente citadas, consignara nos seus orzamentos anuais as partidas económicas necesarias e tamén se debería encargar da difusión da información a requirir para a solicitude da tarxeta e a súa posta en funcionamento.

Cremos que é unha iniciativa pioneira en Galicia, cun custe bastante reducido para as arcas municipais, que pode ser un gran aliciente para os mozos e mozas da cidade e que, co apoio do Concello de Ourense, axudará de maneira transversal a moitos sectores do noso tecido económico.

 

Por todo o exposto, o grupo socialista presenta a seguinte PROPOSTA DE ACORDO:

  1. Instar ao Goberno Municipal á creación dunha Tarxeta Moza do Concello de Ourense para que os mozos e mozas de 14 a 26 anos da cidade (estudantes de fóra residentes en Ourense incluídos) poidan desfrutar de descontos nas súas compras no comercio local, no acceso a eventos culturais, deportivos ou de ocio ou no servizo de transporte público e de taxis de Ourense.

 

Emenda presentada polo Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego

EMENDA DE SUBSTITUCIÓN:

 

Substituír o texto orixinal por:

 

  1. 1.Instar ao Goberno Municipal á creación dunha “Tarxeta Moza” do Concello de Ourense para que os mozos e mozas entre 12 e 30 anos da cidade (estudantes de fóra residentes en Ourense incluídos) poidan disfrutar de descontos nas súas compras no comercio local, no acceso a eventos culturais, deportivos ou de ocio, no servizo de transporte público, de préstamo municipal de bicicletas e de taxis de Ourense.
  2. 2.Será compatíbel co Carné Xove da Xunta, e os descontos serán acumulativos.

 

O Pleno do Concello, por vinte votos a favor do Grupo Municipal PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e don Manuel Telmo Ucha Álvarez, concelleiro non adscrito; e sete votos en contra do Grupo Municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a emenda.

 

En consecuencia, queda aprobada a moción coa redacción dada pola emenda.

 

  23/10/2020: Remitido acordo plenario a Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 23/10/2020.

 

Documentos: