Concello
Información da organización e estruturación do Concello
Áreas
Información da división en áreas municipais que forman o Concello
Actualidade
Información de noticias, próximos eventos, notas de prensa...
Cidadanía
Información referente ás vias de contacto co Concello e a posiblidade de transladar incidencias, sugerencias...
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
En xaneiro de 2020 e en maio de 2021 o pleno do Concello de Ourense abordou, a instancias do BNG, a situación daquelas veciñas e veciños que se atopan en situación de pobreza e risco de exclusión, adoptando ademais diversos acordos encamiñados á loita contra a pobreza no Concello de Ourense.
A posta en marcha dun plan de intervención comunitario que traballase a prol da incorporación á sociedade das persoas en situación de pobreza, a posta en marcha dun plan para a erradicación do chavolismo e das infravivendas, un plan municipal contra a pobreza e a exclusión social, a subsistencia das familias con escasos recursos e menores a cargo e mesmo a realización dun informe sobre a situación real da pobreza e a exclusión social no municipio foron algúns dos acordos acadados.
Lamentablemente desde entón nada se ten avanzado neste eido polo que volvemos incidir na necesidade de abordar esta problemática pois, desde o BNG, entendemos fundamental por o foco e as políticas municipais ao servizo da veciñanza, prestando especial atención a aqueles máis vulnerábeis.
As obras e as infraestruturas son necesarias para que a cidade avance e mellore. Son un estímulo para a economía local mais tamén cómpre atender ás necesidades de todas aquelas persoas que, indistintamente dos motivos, se atopan en situación de pobreza e exclusión.
Por este motivo queremos incidir unha vez máis na necesidade de pór as políticas sociais e a atención á veciñanza máis vulnerábel do noso concello no centro da política municipal de cara aos vindeiros anos.
Outra cuestión que non é menor é que ditas políticas e prioridades teñan o seu traslado nos orzamentos municipais que o Goberno Local está a elaborar para o ano 2022. Se ao anterior lle engadimos unha crecente situación tanto de crise económica como social na que o concello debera liderar a recuperación e estar ao carón dos sectores da sociedade máis afectados, a necesidade dun orzamento adaptado é aínda máis necesario que nunca.
Os datos existentes e relativos á pobreza no conxunto do país son verdadeiramente alarmantes, en Ourense aínda o son máis polo que non podemos permanecer alleos a esta realidade.
Segundo a Rede Galega contra a pobreza e segundo o Informe “estado da pobreza en Galiza 2020” o 24,3% das galegas e galegos está en situación de pobreza ou exclusión social ou o que é o mesmo un 1,3% máis que o ano anterior.
Ourense ten a maior porcentaxe de pobreza de toda Galiza. Unha porcentaxe do 18,10% e dun 9,63% de persoas cuns ingresos equivalentes inferiores ao 50 - 60 % da media de ingresos equivalentes.
O concello non pode permanecer alleo a esta realidade e ten que por todos os recursos económicos e humanos necesarios para tentar minimizar os efectos que a pobreza e a exclusión ten para a sociedade en xeral. Non podemos permitirnos ter veciñas e veciños de primeira e de segunda.
Unha situación excepcional como na que estamos, require redobrar esforzos e adoptar medidas igualmente excepcionais polo que entendemos preciso un reforzo inmediato da Concellería de Asuntos Sociais no que a persoal e recursos se refire.
Hai uns días, coñecíase o alarmante aumento da pobreza infantil, situándose o Estado español como o terceiro de Europa cunha maior taxa de risco de pobreza e exclusión infantil. No noso país, en Galiza, a situación vívese con maior intensidade que noutros territorios. A situación das nenas e nenos depende da realidade e do contexto familiar no que se desenvolvan.
Como consecuencia da pandemia e a posterior crise económica e social, a situación laboral de moitas familias agravouse, dándose o paradoxo de que mesmo tendo un emprego, non se evita caer na pobreza e na exclusión social, sendo ademais moito máis acuciante este feito en familias monoparentais encabezadas por mullleres con fillas e fillos, consecuencia directa da fenda salarial aínda existente a día de hoxe.
Ao anterior hai que engadirlle os aínda enormes déficits que presenta Galiza no que a cobertura social se refire, prestando escasa axuda ás familias no tocante a escolas infantís, axudas por fillos, permisos de maternidade e paternidade, dependencia e un longo etcétera.
Moitas nenas e nenos do noso concello están a padecer situacións extremas ou difíciles de entender para eles e é responsabilidade de todas e todos, a traves das institucións públicas, tentar paliar dita situación ou cando menos, minimizar os seus efectos e a incidencia que ten nas crianzas.
É preciso coñecer pormenorizadamente o número de persoas menores de 18 anos en situación de escaseza para deste xeito, implementar plans de choque. Cómpre potenciar os recursos sociais dispoñíbeis para os máis cativos, incluíndo axudas económicas mais tamén programas de garantía alimentar.
Facilitar a atención médica e educativa así como calquera outro servizo que fomente a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das crianzas en condicións dignas e suficientes. En definitiva, falamos de investir en ámbitos que melloren o crecemento e faciliten a saída da rapazada do noso concello da pobreza.
Segundo os datos do Alto Comisionado para a loita contra a pobreza infantil do Goberno do Estado, a 25 de novembro de 2021, o Concello de Ourense contaba con 15.224 menores de 18 anos, dos cales o 29,3% sofren pobreza infantil. A evolución de dita porcentaxe apenas varía desde o ano 2019 no que se situaba preto do 30% mentras que no conxunto de Galiza acada o 26%.
Falamos de datos que, sen dúbida, invitan á reflexión e a tomarse moi en serio a situación na que se atopa boa parte da rapazada de hoxe que non nos esquezamos, son o presente e o futuro. Ficar parados ou mirar cara outro lado, non é unha opción.
Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicita do pleno da corporación a adoción do seguinte
ACORDO
1. Instar ao Goberno Local á elaboración e posta en marcha dun Plan Municipal de loita contra a pobreza infantil no Concello de Ourense e a dispór dos recursos orzamentarios suficientes para ser implementado.
O concelleiro Araújo Fernández abandona o salón de plenos ás 13.30 horas.
A concelleira Reza Álvarez abandona o salón de plenos ás 13.43 horas.
O Pleno do Concello, por unanimidade dos presentes, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.
26/01/2021: Remitido acordo plenario a dona Eugenía Díaz Abella. Recibido aviso de recepción o 27/01/2022.
Documentos para descargar: