Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense
O Concello de Ourense vén de aprobar, en xunta de goberno celebradao 8 de xuño, a licencia das obras de ampliación do CHUO, correspondentes á fase 1 do Plan Director H2050. “Trátase dunha noticia de enorme trascendencia para Ourense, tendo en conta que posibilitará a apertura desta importante infraestrutura sanitaria”, explicaba o alcalde, Jesús Vázquez, en rolda de prensa.

Durante a tramitación do expediente -o Sergas presentara toda a documentación para solicitar a licencia o 27 de setembro de 2016- xurdiron importantes contratempos entre os que habería que sinalar a declaración de nulidade do proxecto de urbanización orixinario levada a cabo polos tribunais, así como a anulación das Normas Provisionais.

Estas cuestións atrasaron e complicaron a tramitación do expediente, o que fixo necesaria a resolución do mesmo á maior brevidade posible, coa fin última de contribuír á apertura e funcionamento deste equipamento. A concesión da licencia prodúcese por silencio positivo, e segundo consta no informe técnico, a natureza desta solicitude -ao tratarse dun equipamento asistencial de evidente interese público- ten un claro carácter estratéxico e de vital importancia para a cidadanía. “É dicir, esta é a licencia de obra definitiva para a ampliación do CHUO”, sentenciaba o rexedor.

Ademais deste expediente, incorporado pola vía de urxencia, a xunta de goberno abordou outros 19 expedientes.

Avogacía Consistorial

 O Concello tivo coñecemento de 5 asuntos de índole xurídica: 2 sentencias, 2 persoamentos do Concello en calidade de demandado e un decreto do Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense que dá por caducado un recurso contra o Concello nun preito por danos nun vehículo.

A primeira das sentencias, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estima o recurso interposto por Xardín das Burgas contra un acordo do pleno do Concelllo do 7 de xuño de 2013, que aprobara definitivamente o Estudo de Detalle da área das Burgas, debido a que o mesmo tribunal anulara tanto a ordenación provisional como o Plan Especial de Protección de As Burgas.

A segunda sentencia, do Xulgado Contencioso-Administrativo nº2 de Ourense, estima a demanda interposta por un ex traballador municipal e recoñéceselle o dereito a percibir os trienios devengados no período no que permaneceu no Concello como persoal eventual, co límite dos catro anos inmediatamente anteriores á reclamación efectuada, así como os intereses de demora.

No tocante aos dous persoamentos, o primeiro deles é diante do Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense, debido a un recurso presentado por un cidadán contra unha multa por infracción grave (estacionar en zona peonil). O segundo é perante o Xulgado Contencioso-Administrativo nº2 de Ourense, nun procedemento interposto por un traballador que solicitaba unha compensación económica por xornada de 24 horas.

Licencias

Concedéronse tres: para ocupación dun ascensor nun edificio en Santo Domingo; para ocupación por obras de reforzo da estrutura do teito dun soto na rúa San Martín; para reformar a cuberta dun edificio na avenida da Habana. Tamén neste apartado corriximos un erro na transcrición de superficies nun acordo adoptado o pasado 18 de maio para segregar fincas (nunha das fincas debe poñer 1 área e poñía 21 áreas).

No tocante ás licencias de apertura, concedeuse unha parta actividade de comercio de produtos alimenticios na rúa Doutor Fleming. E, en relación á Disciplina Urbanística, impuxéronse 4 multas -en contías que oscilan entre os 50 e os 150 euros- por colocación ilegal de cartelería en fachadas e mobiliario urbano. Actualmente son 80 os expedientes que están abertos por este motivo.

Xestión Urbanística

 Por unha banda, estimouse a petición de indemnización pola obtención/ocupación de terreos na extinta AR 23-O “Polvorín 2”. Esta ocupación deu lugar á apertura dunha ponte no barrio do Polvorín. A parcela, de 4.015 metros cadrados, está valorada en 414.032,91 euros que será a cantidade que terán dereito a percibir os propietarios. O segundo asunto deste apartado foi para recoñecer a favor dunha particular o dereito a percibir 36,55 euros en concepto de diferencia de prezo xusto no expediente de expropiación forzosa no Recanto da Rosa.

Servizo de Contratación

Aprobouse a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de limpeza de dependencias municipais do Concello. Requíreselle agora á licitadora con maior puntuación (Onet-Seralia S.A.) para que, no prazo de 10 días hábiles, presente a documentación requerida. O importe que oferta a empresa (980.100 euros) supón unha rebaixa do 13'63% sobre o prezo de licitación.

Infraestruturas

O Concello recoñece a débeda a favor da Confederación Hidrográfica Miño-Sil por 2.659,60 euros debido a unha sanción imposta por un verquido que se lle reclamará á concesionaria.