Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

As obras de reforma e adaptación desta zona de lecer no Concello de Ourense licitaranse no primeiro cuatrimestre de 2018, tras a sinatura do texto do convenio de colaboración. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron o convenio de colaboración, autorizado polo Consello da Xunta en decembro, polo que se permite a execución das obras de reforma e adaptación da Alameda da Ponte, ás que se destina unha partida de case 265.000 euros para a execución das obras.

Jesús Vázquez recalcou que con este acordo, froito da cooperación institucional, “acadamos un importante investimento que redundará en melloras efectivas para a calidade de vida dos veciños e veciñas de A Ponte, dando resposta tamén a unha demanda histórica deste barrio da cidade, cunha zona de lecer que levaba demasiados anos sen unha reforma integral”. Lembrou tamén o rexedor ourensán que mediante un convenio similar “executouse o ano pasado a obra do parque de Covadonga, outra obra longamente demandada pola veciñanza”.

Trátase dunha nova actuación a cargo do Plan hUrbe, posto en marcha pola actual Xunta en 2010, que ten entre os seus obxectivos mellorar as contornas urbanas, a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, co fin de revitalizar o territorio e o reequilibrio territorial.

O proxecto de reforma e acondicionamento propón a recuperación dunha zona moi singular na Cidade das Burgas, como é a Alameda da Ponte, que presentan un estado de abandono dentro do crecemento urbano dirixido en beneficio doutros espazos máis recoñecidos da ordenación actual. É necesario intervir para fomentar o seu uso por parte dos veciños tanto na comunicación e accesibilidade peonís como nun marco baseado no descanso urbano dentro do tempo de lecer dos mesmos.

Con esta intervención buscase recuperar a zona oeste, que forma cuberta axardinada das propiedades (baixos comerciais) existentes na súa parte inferior, a cota do viario inferior, con grandes problemas de filtración de auga. A actuación tende a reparar, ou substituír nos puntos necesarios, o elemento de peche, cornixa e balaustrada, así como solucionar a ausencia de medidas de protección regulamentaria, fronte a caída, ben como diversas accións encamiñadas a arranxar instalacións, equipamento e mellora das condicións de accesibilidade.

En definitiva, prevese unha nova colocación de mobiliario urbano e equipamentos, a impermeabilización da zona oeste da actuación, a rehabilitación da fonte, a reparación do peche da marquesiña e o seu axardinamento.