Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou este mércores que o período 2015-2023 vai supoñer “un antes e un despois para a zona Sur do Centro Histórico de Ourense”, coa posta en marcha de diversos proxectos e iniciativas de rehabilitación desta zona da cidade, tanto por parte do Concello de Ourense como pola Xunta de Galicia.

Así o confirmou durante a presentación por parte da concelleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, das obras de rehabilitación previstas en catro novos edificios desta contorna (na Praza Manuel Sueiro, e nas rúas Liberdade, Cervantes e Pelayo), ao abeiro do programa Rexurbe.

Jesús Vázquez salientou “o traballo transversal entre as distintas administracións e consellerías para darlle un impulso moi significativo” a esta zona histórica da cidade, a través das propias actuacións do Concello e contando tamén co respaldo da Xunta de Galicia a través de Vivenda.

“En tres anos e medio, a través do plan especial de rehabilitación que se está a levar a cabo de maneira transversal fomos quen de rehabilitar e poñer a disposición da cidadanía varios edificios”, sinalou o alcalde Jesús Vázquez. Entre estas obras, o rexedor destacou a recente inauguración do albergue de peregrinos, cualificado coma o mellor da Vía da Prata.

Tamén recordou outras actuacións coma “o esforzo para sacar a licitación do Museo Arqueolóxico, que vai supoñer un revulsivo moi importante” para esta zona da cidade, ou as obras de rehabilitación previstas na Igrexa da Trinidade. Trátase dun proxecto en colaboración coa Xunta de Galicia, que será presentado nas vindeiras datas e que permitirá recuperar un dos símbolos do Centro Histórico grazas a un orzamento próximo a medio millón de euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o Instituto Galego de Vivenda e Solo lanzará este ano unha nova convocatoria ao abeiro do Plan Rexurbe para adquirir máis inmobles na zona histórica do Concello de Ourense.

Vázquez Mejuto indicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo reservará un orzamento de 500.000 euros para a adquisición de novos inmobles para seguir mellorando a Zona Vella. Salientou que esta nova oferta se suma á xa realizada en 2018 e que permitiu adquirir catro inmobles cos que, logo da súa rehabilitación, se disporán de 12 novas vivendas para alugar.

Na actualidade, estanse a rematar trámites de carácter administrativo para poder pechar canto antes esta operación, que implica un investimento global (adquisición e rehabilitación) de máis de 2,5 millóns de euros.