Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Ourense, 27 de febreiro de 2019.-

Unha inversión de case 2 millóns de euros -concretamente de 1.711.280,51 euros-, mellorará de xeito integral a Avenida Marcelo Macías da cidade. Trátase do tramo da estrada OU-540 entre o PK 0+000 e o PK 1+300.

A Axencia Galega de Infraestruturas ten redactado o proxecto para executar estas obras, valoradas en 1.711.280,51 euros, e centradas en mellorar o pavimento, os servizos municipais (saneamento, abastecemento, alumeado e tráfico), o viaducto e a sinalización, balizamento e defensas.

“Somos conscientes de que se trata dunha das vías de titularidade autonómica que máis melloras precisa a día de hoxe, e por iso solicitámoslle colaboración á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Infraestruturas, que volve a atender a nosa demanda co fin de mellorar os servizos á cidadanía”, sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad.

Esta vía de titularidade autonómica, a Avenida Marcelo Macías, é un eixo viario da cidade de Ourense que canaliza a comunicación desta co municipio veciño de Barbadás, sendo ademáis un punto de tráfico moi intenso por canalizar entradas e saídas cara a N-525.

O tramo de travesía urbano onde se vai actuar presenta en xeral un deficiente estado do firme da calzada e os itinerarios peonís non están dispostos acorde á lexislación en materia de accesibilidade. Por outra banda, os servizos de abastecemento, saneamento e iluminación están obsoletos na súa meirande parte e precisan ser renovados e/ou reparados. Por estes motivos, e unha vez identificados os principais problemas desta vía, transmitidos con frecuencia por parte da veciñanza á Alcaldía, foi posto en coñecemento da Axencia Galega de Infraestruturas por parte do Goberno Municipal. Este departamento autonómico, dependente da Consellería de Infraestruturas que dirixe Ethel Vázquez, adxudicou a redacción do proxecto á empresa L2 Ingeniería y Consulting Galicia S.C.P.

En liñas xerais, as actuacións plantexadas neste proxecto son fundamentalmente a rehabilitación do firme da calzada, a reparación de pavimentos dañados de beirarrúas, a renovación de servizos obsoletos e en mal estado, a renovación da iluminación e a adaptación dos itinerarios peonís ás normativas de accesibilidade vixentes.

En detalle, as actuacións proxectadas máis relevantes son as seguintes:

Pavimentación

Renovación de 13.500m2 de pavimento de aglomerado en calzada, mediante o fresado e reposición

Renovación/ampliación de 900m2 de beirarrúas de baldosa

Mellora de accesibilidade e reparación de bordillos e baldosas en mal estado

Actuacións nos vados peonís adaptándoos á normativa de accesibilidade vixente, dorándoas de pavimento diferenciados e acondicionando as pendientes (un total de 30 vados)

Elevaranse 7 pasos de peóns co obxecto de reducir a velocidade dos vehículos e aumentar a seguridade peonil

Servizos municipais

Saneamento

Rehabilitación de 340 m de colector de formigón de diámetro 400mm mediante encamisado con manga continua autoportante

45m2 de limpeza e impermeabilización de galería

270 ml de renovación de tubo de formigón por tubo de PVC

900 ml de substitución de tubo con problemas de estanqueidade que provoca na actualidade filtracións en vivendas e o asentamento do firme da calzada

36 unidades de pozos novos de rexistro

Abastecemento

Renovación de 865 ml de tubo de abastecemento en fibrocmento por fundición de diámetro 60, 100, 125 e 200 mm, dos que 174 ml están grapados por baixo do taboleiro da ponte de Marcelo Macías

Montaxe en pozo de rexistro de 17 válvulas de comporta

Montaxe de 7 bocas de rego/incendio

Alumeado

Renovación de 116 luminarias por outras de maior eficiencia enerxética (33 delas situadas no viaducto de Marcelo Macías)

Dotarase á rotonda de iluminación, actualmente inexistente, mediante 4 luminarias en columnas de 10m de altura

Substituiranse os brazos de fachada (45 unidades) por outros novos de aceiro inoxidable. Tamén se substiuirán os báculos (26 unidades) por columnas de aceiro inoxidable de 10 metros de altura.

Reforzarase a iluminación en todos os pasos de peóns mediante a instalación de 19 luminarias novas ancladas á fachada ou sobre columnas de aceiro inoxidable de 5 metros de altura

Retiraranse as mangueiras grapadas a fachada e dotarase de novo cableado con liña de terra (actualmente inexistente) baixo terra en canalización existente

Substiuirase o cuadro existente no PK 0+640 por outro novo que alimentará a toda a rúa. Eliminarase deste xeito o cadro que está na beirarrúa dereita do viaducto, atendendo así unha petición expresa do Concello.

Tráfico

Reubicaranse dous báculos semafóricos, eliminarase unha columna e substituirase un báculo por unha columna

Reporanse as espiras de tráfico afectadas pola renovación da capa de rodadura

Construirase un cruce no paso de peóns do PK 0+810, atendendo así unha petición expresa do Concello.

Traballos no viaducto

Renovaranse 131 ml de xuntas de dilatación

Repararanse os bordillos, baldosas e xuntas de dilatación da beirarrúa que estén en mal estado

Proxéctase o lavado de parámetros horizontais e verticais do taboleiro, pilas e estribos do viaducto. Tamén se repararán as superficies con fisuras e zonas dañadas pola corrosión saneando mediante repicado manual ou mecánico para deixar a zona libre de partes soltas e aplicando posteriormente un pasivante, unha ponte de unión para favorecer a adherencia e un mortero reforzado con fibras (serán ao redor de 4.000 m2 de superficie a limpar e tratar)

Contémplase a limpeza, cepillado e pintado dos 384 ml de barandilla e columnas de alumeado.

Sinalización, balizamento e defensas

Renovaranse as sinais en mal estado e colocaranse outras novas segundo as novas condicións da vía (pasos de peóns elevados)

Executarase a sinalización horizontal en toda a rúa debido á renovación total da capa de rodadura

Protocolo asinado en novembro por case 10 millóns de euros

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron o pasado 30 de novembro un protocolo no que se sentaron as bases de colaboración entre a Xunta e o Concello para promover un contorno urbano cada vez máis accesible e seguro.

Actuación, que tal e como destacaron, é a suma de esforzos e colaboración entre Xunta e Concello para facer cidade e para que os veciños de Ourense vexan reforzada a súa seguridade viaria, a fluidez no tráfico e, en consecuencia, vexan incrementada a súa calidade de vida.

“O que asinei con Ethel Vázquez é unha medida sen precedentes nesta cidade. Estamos ante algo histórico para Ourense porque falamos dun investimento de 9,7 millóns de euros para a mellora da seguridade viaria e da integración urbana, con traballos necesarios en determinados firmes e beirarrúas e coa execución de sendas incluidas no Plan de Sendas de Galicia”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez Abad.

Prácticamente 10 millóns de euros para dotar de melloras en seguridade viaria, “algo clave no noso proxecto de cidade, a determinadas vías de titularidade autonómica que discorren polo noso termo municipal e falamos da avenida Otero Pedrayo -prácticamente rematada-, Seixalbo, a rúa Concordia, o entorno da Ponte Vella, Macelo Macías, as rúas Progreso e Río Arnoia, a avenida das Caldas e as sendas previstas na Ponte Sevilla, na Rabaza, na avenida de Pontevedra, Montealegre, Valdorregueiro e Reza”, recalcou o rexedor ourensán, quen lle manifestou á titular do departamento autonómico, en nome da cidade de Ourense, “o meu agradecemento pola súa intensa, decidida e constante cooperación para mellorar Ourense, para facer da nosa cidade un lugar mellor. Sen dúbida, con este protocolo de colaboración sentamos as bases e poñemos sobre o papel as solucións a moitas demandas que recibimos a diario da veciñanza ourensá”.

Na sinatura daquel protocolo que hoxe en día estase a materializar, a conselleira Ethel Vázquez sinalaba que, proba da facilidade da colaboración co Concello de Ourense, só a Axencia Galega de Infraestruturas executara aquí obras por importe de 4,5 millóns de euros, que sumados ao protocolo asinado hoxe fan un total de máis de 14 M€ en catro anos. E, aos que se poderían engadir investimentos de outros departamentos da consellería como a estación Intermodal ou as obras de saneamento.