Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou esta mediodía o decreto de delegación de competencias nos concelleiros do goberno municipal Armando Ojea e Telmo Ucha.

O alcalde confírelle a Armando Ojea as competencias nas áreas de Recursos Humanos, Facenda e Contratación, Educación, Promoción Económica, Recursos europeos e Formación Ocupacional. Atribúeselle tamén a portavocía do goberno municipal.

Pola súa banda, Telmo Ucha Álvarez asume Política Social, Igualdade e Saúde, Participación Cidadá, Xuventude, Turismo e Termalismo, Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas de Información, Seguridade Cidadá, Comercio, Mobilidade e Transporte.

As áreas de Infraestruturas, Medio Ambiente e Perímetro Rural, Urbanismo, Vivenda e Patrimonio, Cultura, Deportes e Cooperación Institucional serán exercidas directamente pola Alcaldía.
O alcalde considera que o goberno formado por 3 persoas é “suficiente”, e avanza que “o Concello vai funcionar moi ben, imos desatascalo e a facer bo o refrán que di menos é máis”
Pérez Jácome sostén que a “maquinaria do Concello lévaa o corpo de funcionarios/as. É unha maquinaria técnica e os políticos temos que tomar decisións e supervisar. Se iso realmente se fai ben, estou convencido de que se vai facer ben con 3 persoas o que antes se facía con máis”.

O alcalde asumirá concellerías “que estaban atascadas e non se estaban facendo ben. Bótome ás costas unha parte do peso do Concello, porque asumirei Infraestruturas, Medio Ambiente e Limpeza ou Urbanismo”, asegura.

As delegacións das áreas inclúen a autorización e disposición de gastos, as facultades de dirección e xestión dos servizos correspondentes así como a facultade de resolver mediante actos administrativo que afecten a terceiros e a resolución de recursos de reposición que se interpoñan contra os ditos actos.
A resolución ten efectos desde hoxe mesmo. Dela daráselle conta á xunta de goberno local e ao Pleno do Concello na súa próxima sesión.

Estrutura municipal en catro áreas

O alcalde asinou tamén esta mañá o decreto que estrutura a administración municipal en 4 áreas:

  • A Alcaldía, á que lle corresponde a dirección e coordinación das áreas delegadas do Goberno Municipal.
  • Infraestruturas, medio ambiente e perímetro rural, urbanismo, vivenda e patrimonio, cultura, deportes e cooperación institucional
  • Recursos Humanos, Facenda e Contratación, Educación, Promoción Económica, Recursos europeos e Formación Ocupacional.
  • Política Social, Igualdade e Saúde, Participación Cidadá, Xuventude, Turismo e Termalismo, Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas de Información, Seguridade Cidadá, Comercio, Mobilidade e Transporte.

A resolución ten tamén efectos desde hoxe e daráselle conta dela ao Pleno e á Xunta de goberno local na primeira sesión que celebren.

Delegación de competencias da xunta de goberno

Pola súa banda, a xunta de goberno local, nunha sesión celebrada este mediodía, acordou delegar na Alcaldía e nos concelleiros a quenes se lles atribúen responsabilidades de goberno as competencias da Xunta de Goberno Local nas materias propias das súas respectivas áreas.

DOCUMENTACIÓN