Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A xunta de goberno local aprobou esta mañá o proxecto de modificación da ordenanza reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica para o ano 2022. A proposta, que prevé a rebaixa nun 40% deste tributo deberá ser aprobada polo Pleno do Concello nunha próxima sesión. Antes, de conformidade co disposto no Regulamento Orgánico do Concello, comunicaráselles aos portavoces dos grupos políticos municipais a aprobación do proxecto e abrirase un prazo de 10 días no que os grupos poderán presentar emendas, se o estiman oportuno.

A actual recadación por este concepto tributario ronda os 5 millóns de euros. Con esta rebaixa, o Concello deixaría de recadar 2 millóns anuais, e cada propietario de vehículo aforraría unha media duns 60 euros no recibo anual.

“Trátase de facer algo que é necesario - explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, en relación a esta medida-, que é reducir o imposto nunha media do 40%, o mínimo legal que permite a normativa española, o que producirá un alivio nos petos dos cidadáns porque verán reducidos os recibos dos seus vehículos”. Tamén subliña o rexedor que esta medida poderá contribuír a “eliminar o dumping fiscal” que podería ocasionar a fuga de contribuíntes cara outros municipios onde o tributo é inferior. En resumo, a modificación do tributo, afirma, “é algo bo porque ten moitas vantaxes; sobre todo nunha época de COVID alivia os petos dos cidadáns.

Na mesma sesión, a xunta local aprobouo o expediente para contratar os traballos de control da vexetación de crecemento espontáneo e a roza dos espazos públicos da cidade. O contrato estará reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción nos termos previstos na disposición adicional cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e contará cunha partida orzamentaria de 53.833,25 euros para as vindeiras dúas anualidades. Inclúe unha superficie total de actuación de 267.000 m2, entre os que salientan as pola súa dimensión as ribeiras dos ríos Miño, Barbaña e Barbañica.