Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome asinou esta mañá a convocatoria dunha sesión extraordinaria do pleno do Concello para o vindeiro luns, día 14 de xuño, ás 10:00 horas, na que formulará cuestión de confianza vinculada á aprobación por parte do Pleno, da modificación dos orzamentos do Concello número 2P/2021. O alcalde convoca esta sesión logo de que no día de hoxe, 9 de xuño, o Pleno do Concello desestimase a aprobación do expediente, ao non obter a proposta de acordo o número de votos necesario para a súa aprobación.

Explica o rexedor que o rexeitamento do expediente, que prevía mobilizar 62.601.389,04 euros procedentes do remanente de tesourería e destinalos a investimentos en infraestruturas e servizos na cidade, “pon en perigo a posibilidade de execución de elementos esenciais do programa de goberno”, e que “ante esta situación, considérase oportuno proceder á formulación dunha cuestión de confianza ante o Pleno da Corporación, a fin de que este se poida pronunciar ao respecto, outorgando ou denegando a confianza a esta Alcaldía”

A cuestión de confianza fórmulase ao Pleno nos seguintes termos:

1º) A Alcaldía formula cuestión de confianza vinculada á aprobación polo Pleno da Corporación da modificación dos orzamentos nº 2P/2021, na modalidade de créditos extraordinarios e suplementos de crédito, que se concreta nos mesmos termos nos que foi ditaminada favorablemente pola Comisión do Pleno o día 3 de xuño de 2021 e sometida a votación en Pleno o 9 de xuño de 2021, non acadando os votos necesarios para a súa aprobación. Acompáñase a este escrito o texto do ditame da Comisión.

2º) No caso de que, trala oportuna votación, a maioría dos concelleiros se manifestase a favor de outorgar a confianza á Alcaldía, a modificación orzamentaria entenderase aprobada inicialmente nos seus propios termos.

3º) No caso de que a maioría de concelleiros se manifeste en contra do outorgamento da confianza, abrirase un prazo dun mes para a presentación dunha eventual moción de censura con candidato alternativo á Alcaldía. Vencido o dito prazo sen que se presente a moción, ou presentada a moción sen que esta prosperase, entenderase outorgada a confianza e aprobada inicialmente a modificación orzamentaria.