O Concello oferta máis de 60 cursos repartidos entre os programas para adultos e Envellecemento Activo

17 de setembro de 2021 - 14:46

A oferta lúdica e formativa de ambas iniciativas pode consultarse no espazo web www.ssociaiscursos.com. As inscricións deberán facerse a través da mesma web entre o 19 e o 25 de outubro.


...

O Concello de Ourense programa, a partir do mes de novembro, máis de 60 cursos dirixidos a persoas empadroadas na cidade repartidos entre os programas de Persoas Adultas (+18), integramente nos Centros Cívicos, e o de Envellecemento Activo (+60), que se desenvolverán en espazos municipais e outras instalacións da cidade. A oferta lúdica e formativa pode consultarse no espazo web www.ssociaiscursos.com.

Cursos para persoas Adultas nos centros Cívicos

As disciplinas dos cursos para persoas adultas van desde a iniciación a procesos informáticos -manexo de teléfonos intelixentes e tablets, tramitación electrónica, Photoshop ou fotografía dixital- até os destinados ao benestar, caso do Ioga, pilates, ximnasia abdominal hipopresiva, mantemento, ou obradoiros de ansiedade e de estrés.

As inscricións nos cursos deberá facerse online do 19 de outubro ás 9:00 horas até o 25 de outubro ás 24:00 horas. No caso de que algunha persoa precise axuda coa súa inscrición pode dirixirse ao Centro Cívico Colón (rúa Colón nº 18) en horario de 9:00 a 13:00 horas.

Programa Envellecemento Activo

Na mesma páxina web pode consultarse xa a oferta de cursos do programa Envellecemento Activo, dirixido a persoas maiores de 60 anos.

Xunto aos obradoiros de memoria, ximnasia, actividade física, taichi, ioga ou risoterapia, ofrécense tamén os de teatro, canto coral, animación creativa á lectura e á escritura, manualidades ou iniciación á internet e manexo de dispositivos móbiles para persoas maiores.

De igual modo que os anteriores, a inscrición será online cubrindo un formulario que se colgará o día 19 de outubro. Para calquera dúbida ou dificultade á hora de inscribirse a través de internet, as persoas interesadas poderán acudir ao Centro Cívico Colón.