O Consello Municipal de Deportes adxudica as obras de remodelación do campo de fútbol “Monte da Aira” de Velle por 183.928,47 €

16 de setembro de 2021 - 14:02

Na reunión semanal do Consello Reitor do CMD tamén se adxudicou a redacción do proxecto para remodelación do campo de fútbol de Palmés por 13.794 euros


...

A reunión semanal do Consello Municipal de Deportes acordou esta mañá importantes proxectos en materia deportiva. Así, foron adxudicadas as obras de remodelación do campo de fútbol “Monte da Aira” de Velle, por un importe total de 183.928,47 €. A empresa adxudicataria destes traballos é Sergonsa Servicios S.L.

Cabe lembrar que o uso das instalacións do campo de fútbol Monte da Aira veuse incrementado desde o ano 2017, cando comezou a adestrar nestas instalacións a Escola de Fútbol Feminino Rosalía de Castro. Isto fai que os usuarios destas instalacións ao longo da tempada superen os cincocentos cada semana.

Dado o avanzado estado de avellentamento no que se atopan o edificio de vestiarios, lavandería e local social do Campo de fútbol Monte da Aira, faise imprescindible a remodelación destes espazos para que os usuarios (máis de cincocentos deportistas por semana), poidan desenvolver a súa práctica de xeito confortable e seguro, xa que o mal estado das instalacións pode causar caídas, cortes ou lesións. Este feito abrangue tamén ao público que asiste ver os partidos, e se despraza polos espazos existentes, tamén crear un aseo accesible a persoas con diversidade funcional.

Así, os traballos consistirán na substitución da cuberta e dos falsos teitos; na renovación da instalación eléctrica e fontanaría; no recubrimento de vinilo en chans e paredes de vestiarios; na habilitación dunha estancia para novos vestiarios; na execución dun muro de peche de parcela en mal estado; no pintado de fachadas; na mellora do saneamento e drenaxes; e na cubrición da terraza no acceso a cafetaría.


 

Campo de Palmés

Na reunión semanal do Consello Reitor do CMD tamén se adxudicou a redacción do proxecto para remodelación do campo de fútbol de Palmés por 13.794 euros. Na memoria valorada contémplase a instalación de céspede artificial. Tamén se contemplan: demolicións, movemento de terras e cimentacións; mellora da rede de saneamento; rede de rego e abastecemento; pavimento de aglomerado elástico; e equipamentos.

Tamén están contempladas para o campo de fútbol de Palmés obras de instalación de alumeado e urbanización interior: iluminación do campo, 4 torres de 16 metros con cinco proxectores cada unha; pavimentación, con céspede artificial coas mesmas características que o terreo de xogo: proteccións, barandilla perimetral do terreo de xogo.

O concelleiro de Deportes e presidente do CMD, Mario Guede, pon en valor que “desde o Consello Municipal de Deportes estamos activando importantes obras en infraestruturas deportivas para toda a cidade, xa que próximamente se adxudicarán tamén as obras das canchas exteriores do Pavillón de Os Remedios e as do pavillón da Carballeira”.

 

Modificación de crédito

Por outra banda, na sesión do Consello Reitor do CMD desta mañá, tamén foi aprobada unha modificación de crédito, utilizando a figura de créditos extraordinarios e de suplemento de crédito, para outorgar as subvencións previstas no orzamento actual ao COB (150.000€), Rally de Ourense (35.000€) e Federación Galega de Hockey (18.000€ para os actos previstos con motivo da estancia da Selección Española por mor da inauguración do campo), así como para habilitar unha partida adicional de 50.000€ para reforzar as subvencións por concurrencia competitiva para os clubes deportivos por gastos extraordinarios que tiveron que asumir por causa da pandemia. Este asunto da modificación de crédito, dado que o orzamento está actualmente prorrogado, deberá ser ratificado no Pleno do Concello.

El Consejo Municipal de Deportes adjudica las obras de remodelación del campo de fútbol “Monte da Aira” de Velle por 183.928,47 € velle

Balance de tempada nas piscinas de Oira

Na sesión tamén se informou do balance da tempada nas piscinas de Oira, primeira instalación da comarca en abrir. Nestes tres meses de apertura contabilizáronse 12.331 usuarios na aplicación de reservas e accederon ás instalaciones estivais 46.450 (28.454 adultos 17.996 nenos) de forma totalmente gratuita.