Responsive image 26-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

Ourense e Santa Rosa de Cabal (Colombia) avanzan en diferentes proxectos de colaboración nos sectores da hostalaría, a viticultura, o turismo e o termalismo

26 de xaneiro de 2022 - 11:16

O alcalde Gonzalo Jácome recibiu no Concello ao rexedor da cidade colombiana, Rodrigo Toro.


Imagen de noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome recibiu esta mañá no Concello a Rodrigo Toro, alcalde de Santa Rosa de Cabal, Colombia, nun encontro no que avanzaron en proxectos de colaboración entre ambas cidades en sectores como a hostalaría, a viticultura, o turismo e o termalismo. Os rexedores expresaron a vontade de plasmar diferentes iniciativas de cooperación que se encauzarían a través dun irmandamento entre os dous municipios.

Esta é a segunda reunión que manteñen na Alcaldía de Ourense ambos rexedores para avanzar nestes proxectos, que confían que comece a materializarse este mesmo ano. Neste senso, explicou Gonzalo Jácome: “pensamos facer un irmandamento e desenvolver expedicións comerciais de intercambio, coas que empresarios de Ourense se desprazarán a esta preciosa cidade colombiana e viceversa. Estamos centrando as datas para poder levalo a cabo este ano”, avanzou.

Pola súa banda, Rodrigo Toro asegurou que “é emocionante seguir dialogando nos plans e proxectos que ten o alcalde de Ourense, especialmente para os hostaleiros que traballan o café, entendendo que Galicia é potencia cafeteira en Europa e que Colombia ten a mellor cunca de café do mundo”. Así, explicou, as expedicións comerciais a Santa Rosa de Cabal permitiríanlles aos empresarios ourensáns “coñecer as técnicas filtrado, o barismo, os predios cafeteiros, adentrarse un pouco máis na caficultura e, do mesmo xeito, aproveitar as boas relacións que constituímos co alcalde para traer expedicións de empresarios colombianos para traer turismo colombiano a Ourense e viceversa, ademais de aprender da viticultura e do termalismo”.

Santa Rosa de Cabal é a entrada ao Parque Nacional Natural Los Nevados, un dos principais atractivos turísticos do departamento de Risaralda, Colombia. O municipio, fundado o 13 de outubro de 1844, é parte do territorio que en 2011 a UNESCO declarou Patrimonio da Humanidade: a Paisaxe Cultural Cafeteira colombiana. Destaca tamén polos seus recursos termais.

Archivos relacionados:

Imagenes:
220126_Colombia.doc